A Xunta implica ás asociacións de veciños nunha campaña de prevención da violencia de xénero
Por Mónica Patxot & Redacción
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a presidenta do Observatorio de Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, Ángeles Carmona, presentaron este venres en Pontevedra unha campaña de prevención da violencia de xénero no ámbito veciñal, que a partir de agora se estenderá a toda Galicia.
No acto tamén participaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, a presidenta da Comisión de Igualdade da Asociación Española de Auditores Socio-Laborais, María Ángeles García, e a presidenta do Congreso, Ana Pastor.
O obxectivo desta iniciativa é chegar, directa ou indirectamente, a todas as asociacións de veciños de Galicia, en tanto constitúen o primeiro nivel de asociacionismo e coñecen de primeira man o seu contorno e os problemas que afectan aos seus veciños. Deste xeito, poden xogar un papel vital á hora de axudar ás vítimas e detectar estas situacións.
Durante a campaña, a Xunta organizará xornadas en toda Galicia, ás que están convidados todos os representantes das asociacións veciñais. Nestas charlas, os participantes coñecerán pautas para previr e detectar casos de violencia de xénero. Ademais, entregaránselles trípticos con consellos sinxelos sobre as sinais dunha situación de violencia e como reaccionar ante ela.
Dáse así continuidade e compleméntase a liña de actuación posta en marcha o ano pasado coa sinatura dun convenio de colaboración cos administradores de fincas e os auditores socio-laborais para que prestaran o seu apoio para detectar as situacións de violencia de xénero nas comunidades de propietarios nas que estiveran presentes.
O obxectivo é seguir traballando en todas as frontes, como as axudas económicas ás vítimas de violencia, a atención médica e psicolóxica, a formación e o asesoramento legal e, por suposto, as campañas de sensibilización e concienciación en toda a sociedade.
Relacionadas:
-
Os socialistas demandan ao goberno municipal medidas para garantir a igualdade salarial entre mulleres e homes
Por Redacción |
-
Nova convocatoria das axudas da Xunta para a promoción da igualdade
Por Redacción |
-
A fiscal de violencia sobre a muller de Pontevedra, nova responsable do cargo a nivel galego
Por Natalia Puga |
-
A Policía Nacional celebra o seu 194 aniversario orgullosa polo descenso da criminalidade en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |