A mellora de espazos urbanos chega a Pontemuíños
Por Alejandro Espiño
Cun investimento aproximado de 180.000 euros, o barrio de Pontemuíños estreará un novo aspecto en apenas unhas semanas. A empresa Naturgalia está a executar os traballos para a mellora da accesibilidade e da calidade urbana da zona.
As obras foron visitadas este venres polo alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, acompañado polo concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, membros da asociación de veciños e técnicos da empresa.
O ámbito de actuación é a avenida das Camelias, unha rúa que remata nun espazo sen saída pensado para xirar, cunha rotonda pintada no chan, pero que estase a usar como zona de aparcamento xerando problemas constantes cando os autobuses teñen que dar a volta.
Neste ámbito, os veciños reiteraron o seu malestar polo aparcamento "indiscriminado" que hai na zona e que, continuamente, provoca que teñan dificultades para acceder aos seus garaxes. Ademais, denuncian que os usuarios da piscina aparcan nas áreas reservadas para residentes polo que solicitan máis presenza da Policía Local e do guindastre municipal.
O alcalde explicoulles que o goberno municipal agarda que esa problemática desapareza ao substituír a rotonda pintada por unha rotonda remontable polos autobuses e con elementos disuasorios para estacionar. "Dificultamos co deseño urbano a mala utilización do espazo público", adiantou Fernández Lores.
Os traballos inclúen a ampliación das beirarrúas, a eliminación ou modificación dalgunhas árbores que dificultan a accesibilidade e a mellora da pista polideportiva, que será pintada de novo e todos os elementos de xogo serán repostos. Tamén se colocarán dous lombos na estrada e crearase novas zonas verdes.
O Concello celebra que con esta actuación se actúe nunha zona con dous polos de atracción "moi importantes", un centro educativo, social e sanitario e o complexo deportivo Rías do Sur, que se suman ao movemento que xa xeran de por si os veciños do barrio.