O 23,5% das doazóns potenciais do CHOP frústranse por negativa familiar
Por Redacción
A Oficina de Coordinación de Transplantes (OCT) da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés tivo durante o ano 2017 sete doantes reais grazas dos que se acadou a xestión da doazón de 31 órganos e dous tecidos.
O balance facilitouno este venres o coordinador do departamento, José Luís Martínez Melgar, que indicou que houbo, en concreto, doazón de doce riles, dez córneas, cinco fígados, dous pulmóns e dous corazóns, así como unha doazón de material óseo e outra de tecido vascular.
Un 28% dos doadores da área sanitaria eran menores de 65 anos, un 28% tiñan entre 65 e 75 e o 44% restante tiñan máis de 75 anos de idade. Cinco deses sete doantes reais eran varóns e dúas eran mulleres.
Esta idade motivou que os órganos máis doados foron os abdominais -riles e fígado- e as córneas. Tamén dada esta avanzada idade, houbo menor cantidade as extraccións dos órganos torácicos, na maioría dos casos por contraindicacións médicas.
Dos doantes potenciais rexistrados durante o pasado ano, o 35,3 por cento finalmente non puideron doar por contraindicación médica e o 23,5% por negativa familiar.
Estes datos sitúan ao Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra como o cuarto centro hospitalario en extracción de órganos da comunidade galega. A área sanitaria rexistrou nos últimos anos un incremento na media de doazóns na área sanitaria, chegando incluso a duplicarse, pois a media de doantes nos últimos catro anos rondou os sete anuais, fronte aos tres doadores reais que se rexistraban a principios do ano 2000.
No Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra hai preto de 20 profesionais que participan na extracción dos órganos correspondentes; entre eles, os membros da Oficina de Coordinación de Transplantes, integrado na actualidade por tres facultativos e dous enfermeiros, así como persoal de enfermaría, auxiliares, celadores e profesionais das áreas de Cirurxía, Anestesioloxía, Microbioloxía e Análises clínicas.