"Se non hai quen lles compre é máis fácil evitar que vaian furtivos a pescar"
Por Alejandro Espiño
Para combater o furtivismo nas rías galegas necesítase un férreo control por parte das autoridades e a colaboración dos cidadáns. "Se non hai quen compre é máis fácil evitar que se vaia a pescar", asegurou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que pediu que os consumidores rexeiten a compra de marisco e peixe de orixe ilegal.
Durante a visita ao buque Sebastián de Ocampo, que o servizo de Gardacostas de Galicia destinou esta semana á ría de Pontevedra e que está atracado no porto de Marín, Quintana e o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, puxeron en valor o esforzo da administración para combater esta práctica "ilegal e perigosa".
Así, explicaron que só no último ano a Policía Autonómica e os gardacostas galegos lograron evitar que máis de 175.000 quilos de peixe e marisco de orixe furtiva chegue ao mercado. Ademais, incautáronse 24.100 aparellos de pesca empregados nestas extraccións irregulares, útiles que acabaron sendo destruídos.
Durante 2017, ademais, tramitáronse máis de 3.600 denuncias por delitos relacionados co furtivismo nas rías galegas, feitos polos que 112 persoas foron detidas ou investigadas.
Rosa Quintana sinalou que Galicia "é unha das poucas" comunidades españolas que contan cun equipo "tan potente" na loita contra o furtivismo e avanzou que a Xunta seguirá renovando os medios materiais e humanos para a loita contra a pesca e o marisqueo furtivo.
Ademais, celebrou a coordinación "exemplar" que existe en Galicia entre todos os corpos e forzas de seguridade do Estado para facer fronte a este fenómeno.
O esforzo por combater esta "lacra", engadiu, esténdese por todas as rías galegas pero especialmente naquelas zonas de maior produción como a ría de Arousa, onde "nos volcamos máis a traballar", segundo Quintana, que destacou o descenso deste fenómeno en dúas zonas "prioritarias" como a ría do Burgo e a ría de Ferrol.
Relacionadas:
-
Cerco ao "furtivismo de bañador" en praias de Poio e A Illa de Arousa
Por Redacción |
-
Catro coñecidos furtivos, cazados de novo con 80 quilos de ameixa da ría
Por Redacción |
-
Os gardacostas comisan peixe e marisco ilegal na Illa de Arousa e na Ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Os gardacostas estrean un vehículo para loitar contra o furtivismo en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Garda Civil incauta medio centenar de vieiras con toxina
Por Oskar Viéitez |
-
Interveñen 3.860 quilos de ameixa xapónica en Vilaboa, a maioría de talla antirregulamentaria
Por Redacción |
-
Requisan unha tonelada de peixe nun control de Tráfico na peaxe da AP-9 en Figueirido
Por Redacción |
-
Os gardacostas requisan 403 útiles de pesca na ría de Arousa
Por Redacción |