Carmela Silva celebra a "acollida espectacular" en Fitur da campaña "Somos historias"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo este venres balance da presenza da institución provincial no marco de FITUR, onde colleitou unha "acollida espectacular" a nova campaña de promoción do destino Rías Baixas baixo o nome de "Somos Historias", que pon en valor o patrimonio da provincia co fío condutor da figura de María Vinyals.
"Fomos, unha vez máis, a presentación que tivo máis asistencia de todas as desa mañá", destacou Carmela Silva que se desfixo en louvanzas á curtametraxe que promociona a provincia como destino turístico.
Tamén destacou o éxito da caixa-regalo que se lle entregou ás persoas asistentes, que contiña un caderno de viaxe e "nubes e galletas feitas con camelia", un proxecto elaborado polo alumnado do CIFP Carlos Oroza, A Granxa de Ponteareas e o IES Montecelo de Pontevedra.
En canto ás reunións de traballo, Carmela Silva confirmou que a institución provincial comezou a preparar a Asemblea Nacional da Ruta dos Fenicios que acollerá a provincia en novembro, e que a Deputación pechou un acordo coa produtora do programa MasterChef, que esta semana comezará a buscar localizacións no Val Miñor para promocionar Baiona, Gondomar e Nigrán.
Tamén se estableceron acordos para, a través doutros dous programas de televisión, promover outras comarcas e rutas, en liña coa aposta deste ano de mostrar a provincia de Pontevedra a través do patrimonio.
O persoal técnico de Turismo Rías Baixas tivo preto de 20 reunións comerciais relacionadas coa promoción publicitaria deste destino e do uso das novas tecnoloxías na xestión de espazos turísticos.
Finalmente, Carmela Silva celebrou o "éxito rotundo" da campaña de promoción nas redes sociais. O hashtag #SomosHistorias, chegou a ser "trending topic" en Twitter en España no momento da presentación en Fitur e o vídeo promocional supuxo "un récord de visitas en 24 horas das nosas canles de YouTube en toda a súa historia", afirmou a presidenta provincial.
Relacionadas:
-
A provincia vai promocionarse con 'Somos historias' en Madrid
Por Redacción |
-
A Deputación constitúe a Mesa do Turismo con representantes do sector público e privado
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
As Rías Baixas van promocionarse fóra de Galicia a través das súas festas máis relevantes
Por María López Verdial & Mónica Patxot |
-
Sanxenxo, terceiro mellor destino de calidade de España en 2017
Por Redacción |
-
Así é a curtametraxe que promociona as Rías Baixas en Fitur tocando "o máis fondo dos sentimentos"
Por Oskar Viéitez |
-
O patrimonio será eixo da promoción das Rías Baixas en Fitur
Por Oskar Viéitez |