Unanimidade en Bueu na aprobación do cuarto Plan de Igualdade
Por Redacción
Entre 2018 e 2021 estará en marcha o IV Plan para a Igualdade de mulleres e homes no Concello de Bueu. Así o aprobaban na sesión plenaria deste xoves todos os grupos con representación municipal.
A concelleira de Igualdade Ana Isabel Otero defendeu a proposta sinalando a necesidade de introducir o concepto de igualdade de xénero en todas as actuacións das administracións. O plan incorporará esta esta proposta en todas as áreas municipais. Desta forma, todas as concellerías introducirán a igualdade á súa planificación anual pero, en todo caso, o Plan busca centrarse na educación para cambiar a mentalidade desde a infancia e desta forma loitar contra a violencia de xénero.
A proposta contempla tamén a igualdade de oportunidades para mulleres e homes na vida social, laboral, económica, cultural e política do municipio. O concelleiro de ACB- SOM, Julio Villanueva, suxeriu que no futuro se inclúa ao colectivo LGTB para evitar que sufran situacións de discriminación social.
O pleno tamén aprobou a moción presentada por ACB-SON en relación ao impulso de políticas de benestar animal e convivencia. O concelleiro atende así as demandas de colectivos como Libera! para evitar o abandono de animais de compañía. O pleno decidiu instar á Xunta os recursos orzamentarios necesarios para garantir a aplicación correcta da Lei de Benestar Animal de Galicia e o apoio técnico para acometer as súas disposicións.
Tamén se comunicou ao pleno a firma dun convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello para executar o proxecto de construción da piscina municipal cuberta.