Atopan morto un veciño de Cerdedo no interior dun coche accidentado
Por Redacción
Un veciño de Cerdedo de 62 anos faleceu este xoves no interior do seu coche. O vehículo saíu da vía e apareceu no medio da pendente dun terraplén. Aínda se investigan as causas do ocorrido, pero todo apunta a que morreu previamente por causas naturais e por iso sufriu o accidente.
Unha persoa atopou o Mercedes 220 accidentado sobre as 16.15 horas deste xoves e alertou ao 112 Galicia de que no interior había unha persoa posiblemente falecida. Ata o lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Estrada, os Bombeiros do Deza, Protección Civil de Cerdedo-Cotobade, os Bombeiros de Pontevedra e o 061- Urxencias Sanitarias.
O 061 chegou a mobilizar ata o lugar o helicóptero medicalizado con base en Ourense.
O vehículo estaba nunha zona en pendente do lugar de Vilar, na parroquia de Figueroa e, nun primeiro momento, pensouse que o condutor falecera como consecuencia do accidente, pero posteriormente localizáronse indicios que apuntan a que puido morrer por causas naturais e, logo, desprazouse polo terraplén, duns tres metros de altura.
O home levaba o cinto de seguridade posto e, polo rastro que deixou o vehículo no seu percorrido entre a estrada EP-7105 pola que circulaba e o lugar no que apareceu o coche, conclúese que circulaba a escasa velocidade cando sufriu o sinistro.
O corpo do falecido, JM.T. B., foi trasladado ao hospital para poder realizarlle a autopsia que concretará como ocorreu todo.
Ademais, a Garda Civil instrúe dilixencias polo accidente que tamén resultarán esclarecedoras sobre o ocorrido.