Dous detidos por dez furtos de gasóleo e baterías de camións en zonas de obras de Pontevedra
Por Redacción
A Policía Nacional logrou esclarecer unha onda de roubos e furtos rexistrados nas últimas semanas en diferentes zonas de obras e lugares de estacionamento de Pontevedra e arredores. Desde finais de 2017 tiñan constancia de polo menos dez casos que agora se atribúen a dúas persoas xa detidas.
Segundo informou a Policía Nacional, os dous detidos son veciños de Pontevedra, un home de 30 anos con múltiples antecedentes policiais e unha muller de 38. Ambos foron arrestados por delitos de furto.
A Policía Nacional establecera un dispositivo especial de vixilancia para tratar de paliar os roubos denunciados en diferentes puntos da cidade e do concello veciño de Ponte Caldelas, zonas de estacionamento de maquinaria pesada e obras públicas como as da autovía A-57 que é están a realizar na parroquia de Marcón.
Os axentes interceptaron un vehículo e identificaron os ocupantes sobre as 5.30 horas da madrugada do martes 16 de xaneiro na parroquia pontevedresa de Lourizán. Estaban nun lugar próximo á gasolineira da zona cando observaron a presenza dun vehículo circulando de maneira sospeitosa pola citada vía, de modo que lle deron o alto.
Os policías realizaron un rexistro no vehículo e localizaron no maleteiro cinco garrafas de gasoil e dúas baterías de camión. Detivéronos por un delito de furto e procederon ao seu traslado a dependencias policiais, onde prestaron declaración por estes feitos para posteriormente ser postos a disposición xudicial.
En total, atribúenlles o furto de máis de 2.500 litros de gasoil e a subtracción de ata 12 baterías de camión.