En Marea pide a Defensa o uso civil das instalacións deportivas e sanitarias da Escola Naval
Por Oskar Viéitez
En Marea solicitará ao Ministerio de Defensa abrir o uso civil das instalacións deportivas e sanitarias da Escola Naval de Marín e a cesión dos terreos do Campo de tiro de Penizas, situados na parroquia marinense de Santa María do Campo.
O portavoz de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, e a deputada por Pontevedra, Alexandra Fernández, acompañados polos concelleiros de Marea Veciñal de Marín, Aarón Franco e Xosé Manuel Dopazo, visitaron este xoves a vila e os terreos de Monte Penizas con motivo das iniciativas parlamentares presentadas no Congreso.
Alexandra Fernández falou da "necesidade de que por fin Marín teña algún tipo de beneficio pola ocupación da vila con instalacións militares" e pediu un Convenio de colaboración entre Defensa e o concello para a utilización civil das instalacións deportivas e tamén doutros servizos públicos cos que conta a Escola Naval como os sanitarios.
A deputada de En Marea dixo que "neste caso trátase tamén de rematar con certos privilexios" porque as modernas instalacións deportivas da Escola Naval "foron feitas con erario público, daquela deberían poñerse ao servizo da cidadanía".
No caso dos servizos sanitarios dos que tamén dispón a Escola Naval, Alexandra Fernández considera que é preciso poñelos ao servizo de toda a cidadanía "rematando así cun modelo de uso endogámico para militares e familiares", afirmou a deputada.
CAMPO DE TIRO DE PENIZAS
Nos terreos do Campo de Tiro de Penizas, Alexandra Fernández e Fernán Vello mantiveron un encontro coa veciñanza da zona para explicarlles o traballo realizado no Congreso por En Marea para instar ao Ministerio a ceder gratuitamente ao concello de Marín os terreos e bens inmóbeis de Penizas para destinalos a zona de esparcimentos e de actividades ao ar libre.
Fernán Vello considera que "é unha forma de compensar aos habitantes de Marín que levan décadas sufrindo o impacto pola ubicación na vila de grandes instalacións militares que pecharon Marín ao mar".
Os deputados de En Marea comprobaron o estado de abandono dos terreos que xa non teñen ningún uso militar, "razón pola que deberían revertir na sociedade civil para darlles un uso". Precisamente, hai uns días a Marea Veciñal de Marín logrou a aprobación dunha moción en pleno neste sentido, e que En Marea traslada ao Ministerio competente.