Coche sen seguro? Sen ITV? Condutor sen carné? A Policía Local sábeo a golpe de PDA
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un turismo que circula sen seguro. Outro que non pasou a ITV. Un terceiro que foi roubado. Outro de máis alá cuxo condutor non ten carné. Un máis conducido por unha persoa que no último ano tivo unha alcoholemia positiva. A condición de que circulen polas rúas de Pontevedra, todos teñen algo en común: altas probabilidades de ser detectados por un dos axentes que traballan nas unidades de tráfico da Policía Local con só un click nas PDAs que os acompañan de forma permanente durante cada servizo.
A Policía Local equipouse xa hai unha década cos primeiros dispositivos electrónicos con datos que lles permitían axilizar o seu traballo diario e gañar en autonomía, pero o salto cualitativo deuse hai apenas dous anos, coa incorporación de 20 PDAs e catro tabletas que levan incorporado un software de deseño propio que lles permite ter acceso desde un pequeno dispositivo con formato de Smartphone a todas as bases de datos que necesitan para as súas xestións diarias, desde o padrón municipal aos datos internos ou os da Dirección Xeral de Tráfico.
O programa deseñouno Carlos, un axente da Policía Local que, á vez, ten formación en informática. Quen o utiliza a diario -fundamentalmente quen traballa nas unidades de tráfico- aseguran que ser deseñado por un compañeiro foi clave, pois el "é coñecedor da verdadeira dinámica do traballo, víveo de primeira man e coñece as necesidades que temos".
O resultado dálles "axilidade e moita autonomía" porque desde a súa PDA pode comprobar calquera dato de calquera vehículo ou condutor de forma directa e rápida. Antes de incorporar este sistema, cada vez que daban o alto a un vehículo ou presenciaban unha posible infracción debían chamar á central de tráfico da Policía Local, onde os axentes de garda consultaban nas súas bases de datos a información e facíanlla chegar.
En momentos de moita actividade podían colapsar a central e o traballo de cada policía demorábase. Agora todos os datos que van necesitar nas xestións máis rutineiras, téñenos xa na súa PDA, aínda que si seguen tendo que recorrer á central para ampliar informacións en casos excepcionais.
Cada axente ten a súa propia PDA, con nome de usuario e contrasinal para garantir que ninguén alleo á Policía Local poida ter acceso a toda a información que contén. Nada máis acendela e introducir os datos identificativos, ten acceso á posibilidade de tramitar unha sanción tanto individual como multidenuncia para casos como, por exemplo, un operativo especial de tráfico no que varios vehículos están mal aparcados na mesma rúa á mesma hora ou, en xeral, cometendo a mesma infracción. A pesar de que a opción de sancionar pode ser a máis rechamante, non é a que máis útil resulta aos axentes. A 'estrela' das posibilidades é a de consulta.
A consulta pódese facer por matrícula ou por DNI do condutor e permite a un axente, por exemplo, estar a realizar un control de tráfico rutineiro, ver un vehículo que lle chama a atención, introducir a matrícula no programa e saber ao momento se ten ITV ou seguro, se o seu propietario ten carné ou se existe algún tipo de infracción. No caso de que así sexa, nada máis introducir o número xa salta unha alerta. En caso contrario, pode comprobar todos os datos do coche e o condutor que necesite e, dado o caso, formular directamente a sanción desde este programa.
Esa sanción tramitada directamente, sen papel escrito a man polo medio é sempre moito máis clara que a que se podía realizar en papel, pois evita posibles problemas coa letra ou erros á hora de copiar un número. Ademais, xa no momento pódese imprimir desde a impresora térmica por bluetooth que leva encima cada axente. Complementouse o equipamento dos policías con este aparello porque sempre resulta clave poder entregar a sanción en man ao infractor ou poder deixala no parabrisas do coche.
O sistema que se utiliza é moi similar ao do multamóbil e elimina toda arbitrariedade da sanción. Entre outras cuestións, no momento no que o axente tramita a sanción, envíase directamente ao computador central da Policía Local e, de aí, á oficina de multas, de modo que, pulsado o botón el de aceptar, xa nunca se poderá evitar que a denuncia se tramite. A persoa denunciada sempre poderá alegar ao expediente sancionador e realizar as súas achegas que, chegado o momento, poderán librarlle da multa, pero garántese "que todo o mundo que comete unha infracción e que é denunciado ten que ter como consecuencia un expediente sancionador".
"Dá moita limpeza ao sistema. Hai cumprimento da norma porque sabes se tee denuncian vas pagar si ou si. Paga o alcalde e pagamos nós, que xa non é o primeiro compañeiro que paga a súa multa", garanten desde a Policía Local, á vez que indican que a da Pontevedra foi "das primeiras policías de España que implantou este sistema", coa vantaxe a maiores de que aquí o deseño é propio.