Tres marquesiñas de Marín resultan danadas por actos vandálicos
Por Redacción
O Concello de Marín informou dos distintos danos sufridos por tres marquesiñas de distintas zonas en San Pedro, na PO-313 e na subida á Barriada de Mogor desde o viario de praias.
Desde o concello descartan que sexa "fortuíto" xa que entenden que existe "intencionalidade" na concorrencia destes actos e en consecuencia achácano "ao propósito de facer dano no mobiliario urbano".
O goberno local xa deu orde para que se arranxen para tratar de evitar molestias aos usuarios que as frecuentan.
MESA DE CONTRATACIÓN
Por outra banda, o goberno local informou que este mércores constituíuse a mesa de contratación da obra de mellora da accesibilidade á piscina municipal.
Despois de concluír o prazo de presentación de ofertas procedeuse á apertura da documentación administrativa, estando prevista a segunda reunión para o vindeiro xoves en sesión pública para abrir a oferta económica e considerar a mellor proposta conforme ao prego de condicións que rexe a contratación.