Dous adultos e dous menores, feridos nun accidente na Illa de Arousa
Por Redacción
Catro persoas resultaron feridas nun accidente de circulación rexistrado este martes na estrada PO-307 no Concello de Illa de Arousa.
Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, o sinistro rexistrouse sobre as 14.00 horas deste martes e consistiu na colisión entre dous turismos. Segundo estas mesmas fontes, das catro persoas feridas, dúas eran menores de idade e as outras dúas, adultas.
A Policía Local da Illa deu aviso ao 112 Galicia para pedir asistencia e solicitouse a intervención dun equipo de Urxencias Sanitarias que se encargou da evacuación dos feridos, entre eles dous cativos.
Segundo explicaron os efectivos da Policía Local ao 112, as persoas feridas estaban liberadas e accesibles, polo que non foi necesaria a intervención dos bomberos. Non obstante, si tiveron que intervir os membros dos servizos de limpeza e mantemento da vía para a retirada dos restos dos danos provocados polo impacto e o restablecemento das condicións de seguridade na vía.
O servizo de emerxencias de Cambados tamén participou e indicou que foi necesaria a intervención da Garda Civil de Tráfico.