"Gastarei o vale nunha cea cos amigos"
Por Redacción
Unha cea entre os 8 amigos que fixeron o circuíto das tapas servirá para que Trinidad Fernández Oubiña celebre ter gañado o sorteo entre o público participante do recente concurso gastronómico Caldelas Tapas Quentes, o que lle outorgou un vale de 100 euros para gastar no comercio local.
Trinidad Fernández resultou gañadora no sorteo realizado a pasada semana, unha vez que se desvelou tamén que a Cervexaría Alameda foi o establecemento gañador pola súa tapa de vieira. O certame, que serviu para vender unas 5.000 tapas ao longo do mes de decembro, contou coa participación de 13 locais de hostalería.
Para participar no sorteo do público era necesario ter enchido a cartilla cos selos de todos os locais do Caldelas Tapas Quentes. Este premio, introducido este ano a suxestión dos hostaleiros, era unha novidade que foi moi ben recibida.
Trinidad é veciña de Xesta (A Lama) e visitou Ponte Caldelas durante catro dos cinco venres de tapas. No que ela mesma definiu como "unha maratón" conseguiu probar as 13 tapas, que cualificou como excelentes, algunhas delas magníficas. Na súa opinión había tres ou catro elaboracións que, perfectamente, poderían ter resultado gañadoras.
Asegurou que foi unha gran alegría recibir a chamada que a confirmou como gañadora do premio do público, pero que asumiuno como un premio compartido, toda vez que o grupo de 8 amigos fixo o percorrido conxuntamente e ela encheu a cartilla en nome de todos, así que considera que o premio pertence ao grupo.