O Náutico de Sanxenxo aclara ao BNG que o que tramita é a ampliación do prazo da concesión
Por Oskar Viéitez
O Real Club Náutico de Sanxenxo (RCNS) emitiu un comunicado no que asegura que "o único que se está tramitando é a solicitude para a ampliación do prazo da concesión, ata o máximo legalmente previsto".
Deste xeito aclara ao portavoz do BNG en Sanxenxo, David Otero, que o pasado 3 de xaneiro afirmou que o que se solicitaba era a modificación da concesión administrativa para a construción e explotación dun inmoble, algo que desde o Náutico achacan "probablemente por ler só superficialmente o DOG do pasado 28 de decembro".
Neste mesmo escrito explican que o RCNS, a través da Asociación de Clubs Náuticos de Galicia, Asnauga, estableceu conversacións coa Xunta para poder aplicar na nosa comunidade unha normativa que permite que as concesións portuarias poidan pasar de 35 anos a 50 anos.
Isto supón un "enorme beneficio para moitas empresas do sector, incluída Nauta Sanxenxo, que podería ver ampliado o seu prazo de concesión se cumpre con todos os requisitos formais que en principio debe cumprir sobradamente". Desde o RCNS apuntan que "nos consta que o actual equipo de goberno xa está a estudar solicitar a ampliación do devandito prazo" e o RCNS ofreceuse a colaborar con Nauta no que poida necesitar.
"É completamente falso por tanto, e non hai máis que ler o DOG sen prexuízos, o dicir que ese anuncio presupón establecer unha nova construción. Deberíanse ler mellor as resolucións e non xerar polémicas infundadas e sen ningunha base, pretendendo danar a imaxe do actual equipo de goberno e do RCNS", di o comunicado.
Relacionadas:
-
En Marea esixe un estudo sobre o impacto das obras do porto deportivo de Sanxenxo sobre as praias
Por Redacción |
-
Nauta tamén presentará alegacións á prórroga da concesión do Real Club Náutico
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG alerta da modificación da concesión solicitada polo Real Club Náutico de Sanxenxo
Por Redacción |