Os obradoiros do campus renóvanse cun laboratorio creativo, ficción televisiva e arduino
Por Redacción
Concibidos como un xeito de complementar e ampliar a formación do alumnado do campus, pero abertos ao conxunto da cidadanía, o programa de obradoiros da vicerreitoría para o segundo cuadrimestre combina novas propostas coa reedición dalgúns dos talleres máis demandados en anteriores convocatorias.
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo, desde este luns permanece aberta a inscrición en tres novos cursos que permitirán reflexionar sobre series e outros formatos de ficción televisiva e sobre técnicas de produción artística como o apropiacionismo, así como iniciarse na programación de placas de arduino. Esta oferta formativa de talleres de 30 horas, que se desenvolverán entre os meses de febreiro e maio, complétase cun novo taller sobre radio, desta volta centrado no control de son, e con novas edicións dos cursos de iniciación á escalada en rocódromo e locución audiovisual.
Son seis talleres que suman un total de 112 prazas e cuxos prezos oscilan entre os 6 e os 120 euros, cun desconto do 35% para a comunidade universitaria.
O alumno da Escola de Enxeñaría Forestal, Esteban Manuel Oubiña e o titulado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rabi Ouallam son os responsables de Introdución a arduino e programación en C, dirixido a achegar ao alumnado a esta plataforma de hardware libre e as súas placas electrónicas máis comúns, así como á linguaxe de programación que permite aplicar estes dispositivos. Trátase, sinalan os seus responsables, dun taller de carácter "eminentemente práctico", para o que non son precisos coñecementos previos.
Por outra banda, o alumno de doutoramento de Belas Artes, Marco Antonio Costa é o director de Laboratorio creativo: apropiacionismo e prácticas de produción, que se desenvolverá entre o 21 de febreiro e o 2 de maio nesta facultade. Achegarse a prácticas metodolóxicas como o apropiacionismo, baseado no uso de elementos de obras alleas para a creación de novas obras, é un dos obxectivos dun taller estruturado en cinco "exercicios prácticos experimentais" e no que Costa contará coa colaboración de profesionais convidados.
DA RADIO Á TELEVISIÓN
Familiarizarse co posto de control de son dunha emisora de radio, a mesa de son ou os programas de edición de son constitúen os obxectivos centrais do taller Control de son en radio, que en marzo impartirá en Ciencias Sociais e da Comunicacion o técnico e locutor José María Bará, dando continuidade a outros obradoiros dedicados a este medio.
Neste centro celebrarase tamén, a partires do 2 de abril, o obradoiro Cartografías da ficción televisiva, que a profesora Diana Ramahí imparte xunto ao investigador da Universidade de Santiago de Compostela, docente e director de documentais José Antonio Cascudo. Reflexionar sobre o rol que desempeña a ficción televisiva na sociedade e os seus códigos narrativos ou visuais forman parte dos obxectivos dun curso no que se afondará na "especifidade do relativo televisivo" a partires da análise diferentes series e produtos de ficción.
Xa en abril, CCSS e da Comunicación acollerá unha nova edición do obradoiro de Locución audiovisual, un taller no que a actriz, xornalista e actriz de dobraxe Maika Aguado propón un achegamento aos mecanismos de producción da voz e as características da redacción e narración audiovisual, así como ao uso da respiración e do aparello fonador.
Tamén repite presenza nesta programación, tras o éxito acadado no cuadrimestre anterior, o obradoiro de Escalada en rocódromo, que dirixe a profesora da Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez. Centrado nas técnicas básicas desta disciplina, este curso de iniciación será impartido polo guía nacional de escalada e responsable de tecnificación da Federación Galega de Montañismo José Juan Domínguez, e o director da Escola Galega de Alta Montaña, David Pérez, xunto con Gutiérrez e o tamén docente da facultade Diego Alonso.