O Sergas ampliará as dependencias de Atención Primaria de Cerdedo
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) ampliará cun novo espazo de usos polivalentes as actuais dependencias de Atención Primaria do centro de saúde de Cerdedo.
Emprazado na entrada deste edificio asistencial cerdedense, o novo espazo de usos polivalentes disporá de conexión á rede telemática de voz e datos do Sergas e contará con luz natural a través dun ventanal.
A xerencia dos hospitais de Pontevedra e O Salnés contempla un orzamento de 15.000 euros para dita ampliación arquitectónica, que prevé poñer en funcionamento durante o vindeiro mes de febreiro.
Cómpre lembrar que as instalacións asistenciais de Atención Primaria de Cerdedo dispoñen dun Punto de Atención Continuada (PAC) e de consultas para Medicina Xeral, Enfermaría, Pediatría, sala de extraccións, así coma unha área de traballo e de estancia para o persoal sanitario.