O PP de Poio propón celebrar en abril unha homenaxe a John Harmon McElroy, propulsor do Bosque de Colón
Por Redacción
O Partido Popular de Poio presentou este sábado a moción que irá ao pleno deste mes na que solicitan a conmemoración da visita en abril do promotor do Bosque de Colón. Trátase do profesor estadounidense John Harmon McElroy, que estará acompañado doutros protagonistas da plantación deste bosque de sequoias en 1992.
O de Poio é o bosque máis grande de Europa con esta especie, a sequoia vermella californiana. O PP entende que é un dos escasos legados en Galicia dos actos con motivo do V Centenario da viaxe de Colón.que quedan en Galicia.
O profesor norteamericano, con outros poucos promotores, de forma desinteresada, impulsaron aquela iniciativa aprobada polas dúas cámaras de Estados Unidos e asinadas polo seu presidente. Desta forma trasladáronse máis de 500 exemplares de embrións de sequoia e escolares de seis estados norteamericanos plantaron esta especie nos terreos de Poio, en colaboración con estudantes de Poio.
A finais de 2017, os populares lograron contactar con McElroy e o profesor anunciou a súa intención de visitar, acompañado doutros colaboradores naquel proxecto, o Bosque de Colón en abril. O promotor trasladou documentación, fotografías e contactos sobre os primeiros pasos da arboreda. Tamén estaría previsto que algúns dos "Columbus kids" (rapaces de Colón) como popularmente coñecíaselles participasen nesta nova expedición. É máis, un deles visitou o bosque o pasado ano.
O PP puxo todos ests documentos a disposición da Comisión Organizadora para celebrar os actos da homenaxe, que ademais servirán para "compensar" o deslucido acto de inauguración o 4 de decembro de 1992, que coincidiu cun temporal e o naufraxio do 'Mar Exeo', impedindo a presenza dos principais representantes institucionais.
A moción do PP inclúe a celebración de charlas e conferencias durante os días en que McElroy visiten o municipio. Tamén solicitan a reposición da placa orixinal, que foi roubada posteriormente e da que garda fotos a familia McElroy. O alcalde de Poio, Luciano Sobral, manifestara recentemente a PontevedraViva que nas diferentes administracións galegas non quedaba constancia dos datos que recollía aquela placa.
Os populares entenden que a coordinación para estas actividades coa familia McElroy sería realizada por un representante do PP dentro da organización dos actos do 'Ano do Bosque de Colón'.