A Fiscalía pide 11 anos de prisión para un veciño de Pontevedra por abusos sexuais a unha rapaza de 15 anos
Por Redacción
A Audiencia Provincial, na súa sección segunda, acolle o vindeiro xoves 18 de xaneiro un xuízo contra un veciño de Pontevedra como presunto autor dun delito de abusos sexuais cometido a unha menor de 15 anos de idade.
O acusado, maior de idade e con antecedentes penais cancelables, isto é, antecedentes que cumpren os requisitos de transcurso do tempo necesario e pagamento das indemnizacións, realizaría os actos dos que se lle acusa durante case todos os días comprendidos entre finais do mes de xuño e ata o 15 de xullo de 2015.
Segundo o escrito da Fiscalía, o procesado residente en Pontevedra estableceu amizade en abril de 2015 coa nai e os irmáns da menor, que residían no mesmo edificio. Moitas tardes subían á vivenda deste veciño. El convidábaos a tomar un café, xeados ou utilizaba calquera outro pretexto para que acudisen.
A partir de xuño de 2015, coincidindo coa data de finalización das clases, a vítima, que nese momento tiña 15 anos, e a súa irmá, de 13 anos, pasábanse case todas as tardes no domicilio do acusado. Durante ese período, que abarca desde finais de xuño ata o 15 de xullo dese ano, o home presuntamente levaba á vítima ao seu dormitorio. "Quitáballe a roupa ou lle pedía que a quitase ao que a menor accedía tras manifestarlle a súa oposición", segundo se recolle no informe fiscal, para a continuación tocala e consumar os abusos.
A nai da menor, representante legal, renunciou a reclamar unha indemnización por isto feitos. O fiscal entende que se trata dun delito continuado de abuso sexual a menor de 16 anos con penetración. Trataríase dun delito penado no artigo 183 do Código Penal en relación co artigo 74.
Por estes feitos, o fiscal solicita a pena de 11 anos de prisión e inhabilitación. Ademais requírese a pena de prohibición de aproximarse a unha distancia de 500 metros da menor e de comunicarse con ela por calquera medio, nun tempo superior en seis anos á pena de prisión que se impoña.