A Policía Local controlará o estado dos vehículos e as distraccións ao volante
Por Anxo Lourido
Entre este luns 15 e ata o domingo 21 de xaneiro desenvolverase unha campaña de tráfico, organizada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), á que se suma a Policía Local de Pontevedra. O obxectivo é levar a cabo unha vixilancia das condicións dos vehículos e, ao mesmo tempo, os axentes locais levarán a cabo outra campaña de control das distraccións ao volante. Os axentes prestarán unha especial atención ao uso de dispositivos móbiles na condución de vehículos.
En relación coa campaña desenvolvida pola DXT prestarase especial atención ao estado dos pneumáticos, ao estado dos focos e das lámpadas da iluminación, ás matrículas e a que a documentación se atope actualizada.
Pola súa banda, a Policía Local desenvolverá tamén no municipio unha campaña centrada nas distraccións na condución durante este mesmo período debido a que en máis do 60% dos accidentes de circulación na cidade o descoido está presente nas causas.
Durante o ano 2016 resultaron feridos como consecuencia de accidentes de tráfico 149 persoas, 18 deles resultaron feridos de gravidade. Segundo a Policía Local, un gran número destes accidentes evitáronse cunha adecuada atención á estrada.
O uso do teléfono móbil mentres se conduce impide percibir un 50% da información da vía, converténdose nun elemento claro de distracción que multiplica por catro a posibilidade de sufrir ou provocar un accidente. Por este motivo, esta semana incrementaranse os controis que se realizan normalmente ao longo do ano, con servizos de vixilancia co obxectivo de realizar vixilancias diarias en diferentes puntos da cidade.
Desde 2010, os datos que recolle a Policía Local de Pontevedra mostra un descenso dun 38% no número de infraccións de tráfico. Con todo, incrementáronse as denuncias por uso de teléfono móbil, que ascenden todos os anos (ver gráfico).
Os axentes tamén prestarán especial atención aos transportistas que fan uso dos GPS ou consultan albaráns mentres conducen pola cidade.