Marea Pontevedra denuncia a ausencia de pediatras no centro de saúde Virxe Peregrina
Por Redacción
Marea Pontevedra solicitou no último pleno que se cubra con persoal acreditado para atender á poboación infantil a vacante producida pola xubilación da ata agora titular de pediatría no centro de saúde Virxe Peregrina.
Desde este grupo político denuncian que a atención pediátrica debe ser cuberta por especialistas nesta rama e non por profesionais doutras especialidades que, segundo expoñen desde Marea, carecen da formación adecuada para atender os problemas de saúde infantil.
A ausencia destes especialistas mostra, para esta formación política, as consecuencias dos recortes de persoal e dunha mala planificación dos recursos sanitarios. O Sergas recoñece que non ten previsto cubrir a praza que queda baleira por xubilación.
Desta forma, os menores son atendidos unicamente dous días á semana ou son derivados a outro grupo da quenda da tarde que, segundo Marea Pontevedra, se atopa sobrecargado. Esta situación, afirma a agrupación política, impide que se ofreza unha asistencia de calidade.