Os bombeiros do Salnés sufocan o incendio iniciado de madrugada nun pub de Cambados
Por Redacción
Ás 05.45 horas desta madrugada deste sábado 13, os Bombeiros do Salnés recibían a alerta de que saía fume dunha xanela do primeiro piso do edificio que ocupa o pub Brothers en Cambados. Ata o lugar, situado na esquina entre a rúa Hospital e a praza Alfredo Brañas, achegouse unha dotación dos bombeiros, do mesmo xeito que o servizo de Protección Civil da vila e unha parella da Garda Civil.
Segundo a información facilitada polos Bombeiros, o incendio iniciouse nunha zona do piso no que se atopaban varios aparellos eléctricos, entre os que se achaba unhas pequenas neveiras. O lume orixinou moito fume en toda a instalación, situada nun espazo peonil de Cambados, e foi necesario levar a cabo a ventilación do establecemento.
Non houbo que realizar evacuación nin se rexistraron danos persoais porque o establecemento xa fora pechado ás 03.00 horas da mañá. A barra de bar situada nesa planta foi o elemento máis danado como consecuencia das lapas, segundo o servizo de Emerxencias de Cambados e os Bombeiros.
Investíganse agora as causas deste incendio que, segundo os primeiros indicios, orixinouse por un curtocircuíto eléctrico.