Censuran a Rajoy por unha defensa de Salvador Moreno que o PP ve como "chascarrillo"
Mariano Rajoy recibiu unha nova reprimenda por parte da corporación municipal da súa cidade, Pontevedra. Foi por unhas recentes palabras do presidente do Goberno sobre o militar Salvador Moreno, nas que cuestionaba que lle retirasen a rúa que tiña en Pontevedra, rebautizada desde hai máis de quince anos como Rosalía de Castro.
BNG, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns censuraron a defensa que fixo Rajoy dun "golpista" como Salvador Moreno, ministro de Franco e responsable, coincidiron en sinalar, dalgúns dos episodios máis sanguentos da Guerra Civil. O PP rexeitou sumarse a este 'tirón de orellas' e quitou ferro ao sucedido.
Para Jacobo Moreira é unha "burrada" que un "simple comentario" de Mariano Rajoy provoque unha reacción de tal calibre na corporación. "Dejemos de hacer el parvo", pediu o portavoz popular, que pediu centrarse en cousas que necesita a cidade e non nos "chascarrillos" dunha persoa.
"Es una soberana estupidez", segundo Moreira, que o pleno debata unha moción destas características na que, ademais, ínstase o Goberno a cambiar o nome do colexio Salvador Moreno. Engadiu que lle resulta "curioso" que esta iniciativa parta dun BNG que, en Pontevedra, "homenajea a dictadores y compadrea con terroristas".
Foi a resposta a Luís Bará, impulsor desta iniciativa. O edil do BNG ve "moi grave" que Rajoy exaltase a figura de Salvador Moreno. "É un atentado e unha infamia que non queremos pasar por alto", dixo, xa que o militar foi un "golpista" e un "represor", responsable dun "auténtico xenocidio".
O concelleiro nacionalista mantivo que o dito polo presidente do Goberno "non é unha ocorrencia" e acusou a Rajoy de actuar con "descaro e fachatez" para incumprir a lei de memoria histórica, un feito que "hai que condenar con firmeza". Que Salvador Moreno dea nome a un colexio, engadiu, é unha "anomalía" que se debe corrixir.
María Rey, pola súa banda, asegurou que é "difícil" entender a un Partido Popular "que defende a un ministro franquista" e criticou que o presidente do Goberno "se salte leyes" cando estas non lle gustan, e desde Marea, Luís Rei ironizou co feito de que Rajoy defenda a Salvador Moreno sobre unha escritora como Rosalía de Castro porque o presidente, asegurou, "é máis de deleitarse coa lectura do Marca".
Para o socialista Agustín Fernández, as palabras de Rajoy sobre Salvador Moreno con "intolerables" e supoñen unha "burla" a todas as familias que foron vítimas da represión franquista. Con feitos así, explicou, "é máis fácil entender" por que foi nomeado persoa non grata en Pontevedra e asegurou que lle dá "escalofríos" que alguén así "estea dirixindo o destino do país".
OUTROS ACORDOS
O pleno da corporación, por outra banda, aprobou por unanimidade a moción presentada polo Partido Popular para que, durante 2018, se execute unha reforma integral no barrio de Mollabao. O BNG sumouse á demanda dunha oposición que, a pesar do acordo, denunciou o abandono que sofre todo este ámbito urbano.
Foi aprobada tamén, neste caso só cos votos a favor de PSOE, Cidadáns e Marea, a moción socialista para que o Goberno equipare o salario dos axentes das forzas e corpos de seguridade do Estado e as policías autonómicas. Ademais, reclámase a desmilitarización da Garda Civil. BNG e PP abstivéronse.
Todas as demais iniciativas foron rexeitadas, como a proposta do PP para que a Rolda Leste non teña lombos, polo voto en contra do BNG e a abstención de Marea. Tampouco saíu adiante a petición dos populares para que o Concello actúe no pavillón de Marcón ou o ceda a terceiros. BNG, Marea e PSdeG-PSOE criticaron este intento de privatización.
Cidadáns pediu sen éxito que se implantase tecnoloxía wifi gratuíta nos espazos públicos da cidade a través do proxecto europeo Wifi4 EU, ao entender BNG e PP que sería abrir a porta para instalar un "gran hermano". A mesma sorte correu a moción de Marea para bonificar o IBI a familias numerosas y -tras la enmienda de María Rey- a propietarios de vivendas sociais, apoiada só por PP e Cidadáns.
Relacionadas:
-
Pontevedra promove unha rede de traballo a nivel galego en defensa da memoria histórica
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Marea esixe a retirada do escudo franquista da porta da Audiencia de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno de Rajoy manterá o nome do colexio Salvador Moreno a pesar das queixas de En Marea
Por Redacción |
-
Un libro de Rosalía, agasallo de Reis para que Rajoy "entenda" por que "un golpista" quedou sen rúa
Por Redacción |
-
O cambio de nome do colexio Salvador Moreno chegará ao Congreso
Por Redacción |
-
Para o BNG é "moi grave" que Rajoy "exalte" a Salvador Moreno
Por Alejandro Espiño |
-
Rajoy: "No sé por qué le han quitado la calle a Salvador Moreno. Yo la sigo llamando así"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada