BNG e PSOE de Sanxenxo piden medidas para arranxar a "chapuza" do paseo de madeira da Lanzada
Por Oskar Viéitez
O paseo de madeira construído pola Xunta na praia da Lanzada xa saíu voando polo aire en tres ocasións. O pasado martes foi unha tromba mariña, en decembro o temporal Ana e anteriormente outro adverso meteorolóxico, polo que os grupos municipais do BNG e o Partido Socialista do Concello de Sanxenxo esixen que se adopten medidas.
Os socialistas non dubidan en cualificar de "verdadeira chapuza" esta obra. "Non sabemos se por culpa duns técnicos que non fixeron un estudo previo da zona, duns materiais pouco resistentes ou dunha mala formulación", aseguran, e alertan do risco que supón esta infraestrutura que esta semana rompía contra o patio do colexio O Telleiro de Noalla. "Que pasaría se hai nenos nese momento? De quen sería a responsabilidade?", preguntan.
O PSOE de Sanxenxo lembra que o pasado mes de decembro nunha visita á zona o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, adquiriu o compromiso de revisar as ancoraxes. "Á vista está que non fixo os deberes o señor Menéndez nin o señor Martín esixiulle aos seus amigos da Xunta que o fixesen", apuntan en referencia ao alcalde, o popular Telmo Martín.
Os socialistas pedirán á Xunta de Galicia que "ante o perigo que supón esta pasarela de madeira, a desmonten e que urxentemente se poñan a traballar en medidas alternativas que aguanten as inclemencias meteorolóxicas da Lanzada e que as teñan listas a próxima Semana Santa para uso e goce de veciños e visitantes".
Os nacionalistas tamén consideran que o seu levantamento desta estrutura, por terceira vez, demostra que a súa calidade non se axusta ao seu orzamento
O BNG esixe a revisión integral da pasarela de madeira que a Consellería de Medio Ambiente está a construír na PO 308. Para o portavoz do Bloque de Sanxenxo, David Otero, "trátase dunha obra que contou sempre con todas as bendicións do Partido Popular como demostraron as constantes visitas de Ethel Vázquez a revisar estes traballos, pero está claro que iso non é garantía de nada; todo o contrario, estamos ante unha obra con eivas executivas en todo o proxecto".
O BNG lembra que "moi preto de aquí temos unha pasarela de madeira, concretamente en San Vicente, sometida á mesma intensidade dos ventos, sen que saia voando cada dous por tres".
Porén, o BNG teno claro: "o que está a suceder aquí implica unha serie de responsabilidades políticas que estamos dispostos a esixir".
Relacionadas:
-
A Xunta renuncia á madeira para o arranxo da pasarela en Noalla
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta resposta ás críticas dos ciclistas defendendo a "mellora da seguridade" na PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
"Tal cual se ve un tornado en los dibujos animados, pues así fue arrasando"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Unha tromba mariña esnaquiza o paseo da Lanzada e obriga a desaloxar o colexio de Noalla
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada