O persoal do Concello de Pontevedra prepárase para a negociación da estrutura organizativa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Decenas de traballadores do Concello de Pontevedra mantiñan unha asemblea informativa este xoves no Teatro Principal de Pontevedra para debater sobre o documento presentado polo goberno local para a reorganización dos postos de traballo municipais.
O secretario da xunta de persoal, Héctor Santaló, indicaba que este encontro se realiza para informar o persoal sobre ese documento e analizar as posturas dos diferentes sindicatos en relación á negociación que se abrirá na segunda quincena deste mes de xaneiro co concelleiro responsable Vicente García Legísima.
Santaló afirma que o documento en bruto, elaborado por unha consultoría privada, non gustou entre os traballadores porque hai funcións que "non se traducen a específico ou a responsabilidades atribuídas" e non se teñen en conta dereitos relacionados coa promoción interna ou a carreira profesional.
Segundo Antonio Millares, representante de Comisións Obreiras, nas asembleas mantidas por axentes da Policía Local e no Parque de Bombeiros, este documento "non gustou nada".
Por este motivo, confían en que se poidan alcanzar acordos no período de negociación no que se tratará a organización, o catálogo de funcións e a valoración dos postos de traballo. Millares afirma que o estudo técnico realizado é "moi político" e entenden que foi dirixido desde o goberno local obviando necesidades en distintos servizos municipais.
Os representantes sindicais estudarán a posibilidade de iniciar protestas no caso de que non se contemplen algunhas das peticións que se presentarán nas negociacións co goberno local.
Relacionadas:
-
Os sindicatos convocan o persoal do Concello para amosar o malestar co goberno local no vindeiro pleno
Por Anxo Lourido |
-
A asemblea da Policía Local pide a dimisión do concelleiro Vicente Legísima
-
Marea Pontevedra quere que o Concello reactive a negociacion da RPT
Por Oskar Viéitez |
-
A xunta de persoal de funcionarios municipais pide a negociación do novo organigrama interno
Por Redacción |