Impulsan unha iniciativa lexislativa popular para pararlle os pés ao eucalipto e darlle unha oportunidade ao monte autóctono
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Este xoves foi presentada ao público unha proposición de lei por iniciativa lexislativa popular (ILP) para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais.
Un grupo de colectivos impulsores desta ILP vén de anunciar en rolda de prensa en Pontevedra a recollida de 10.000 sinaturas para poder presentar no Parlamento unha lei para "salvar o bosque galego do lume e dos eucaliptos". Apoian esta iniciativa a CIG, Fruga, a Organización galega de montes en man común, Adega, Irmandade Illa de Tambo, Asociación Monte Pituco, Umia viva, as federacións de asociacións veciñais Castelao e Teucro, APDR, Vaipolorío, entre outros colectivos.
A campaña de recollida de sinaturas se prorrogará ata o vindeiro 24 de marzo.
Instalaranse mesas informativas en zonas concorridas da cidade para que a veciñanza que estea de acordo coa proposta poida secundala coa súa firma, organizaranse charlas para dar a coñecer a situación actual dos montes e promoveranse mocións nos plenos dos concellos e nas deputacións.
A ILP propón unha moratoria do eucalipto, que se impida que o monte sexa un "polvorín", a rexeneración das áreas ocupadas por plantacións forestais non procedentes, a creación de franxas de seguridade e reservas ecolóxicas de frondosas e diversas medidas para a recuperación do bosque autóctono, un inventario da situación actual e unha planificación futura.
Segundo explicaron os promotores da ILP o que se pretende é compatibilizar os aspectos produtivos do monte coa conservación dos hábitats naturais, particularmente dos bosques autóctonos, historicamente degradados e cada día máis diminuídos en relación coas plantacións de árbores de crecemento rápido.
Esta ILP propón que, seguindo o exemplo de Portugal, se aplique unha moratoria para as novas plantacións de eucalipto e se erradique de espazos protexidos, das terras de alto valor ecolóxico e das áreas pertencentes á Rede Natura.
Os promotores desta iniciativa lexislativa popular denuncian o abandono do medio rural e das terras agrarias para a súa posterior eucaliptización, do que responsabilizan as políticas da Xunta, e sinalan que un de cada cinco metros cadrados de solo galego está ocupado por un eucalipto, un monocultivo pensado para abastecer a ENCE.
Relacionadas:
-
Lourizán transforma catro hectáreas de eucaliptal nunha plantación de castiñeiros
Por Redacción |
-
Visita guiada ás Brañas do río Tomeza o día no que casan os paxariños
Por Oskar Viéitez |
-
Rodas e colchóns no río
Por Oskar Viéitez |
-
Xornada de retirada de voluminosos do río Tomeza
Por Oskar Viéitez |