'El Chicle', nunha cela individual acristalada na Lama baixo o protocolo de prevención de suicidios
Por Natalia Puga
José Enrique Abuín Gey, 'El Chicle', está desde as 15.15 horas deste mércores no centro penal da Lama e está a ser obxecto dun seguimento estrito. Permanece, segundo puido saber PontevedraViva, nunha cela acristalada no módulo de enfermería.
Fontes penais consultadas indicaron que, en canto chegou nun furgón da Garda Civil, José Enrique Abuín foi derivado primeiro ao módulo de ingresos, pero logo acordouse que debería permanecer no módulo de enfermería, onde existe unha cela individual acristalada que permite mantelo sempre vixiado e sen contacto con ninguén.
Ademais, a Dirección Xeral de Institucións Penais está a aplicarlle o protocolo de prevención de sucidios (PPS), que implica vixilancia 24 horas e que se lle asigne a unha preso 'sombra', un interno de confianza da dirección que lle acompañe permanentemente.
O Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira (A Coruña) acordou o 1 de xaneiro o ingreso en prisión provisional sen fianza de 'El Chicle' pola desaparición e morte de Diana Quer. Nun primeiro momento, foi trasladado ao penal de Teixeiro, na localidade coruñesa de Curtis e durante os catro primeiros días permaneceu incomunicado por orde xudicial, dado o "elevado risco de destrución de fontes de proba por parte do investigado, e en particular, de que este pretenda influenciar na declaración das testemuñas dos feitos, o que podería frustrar o bo fin da investigación".
A incomunicación levantouse o venres, 5 de xaneiro, e seguiu en Teixeiro ata a mañá deste mércores, pero a xunta de tratamento acordou o seu traslado por razóns de seguridade porque nesa mesma prisión está a cumprir condena un preso que pertence ao coñecido como clan de Os Fanchos, co que se asocia a 'El Chicle' e ao que presuntamente pertencía cando no ano 2007 foi detido por unha operación de narcotráfico.
Tras aquela detención, José Enrique Abuín estivo en prisión provisional e foi posteriormente condenado, pero, segundo transcendeu, delatou ao resto de arrestados, de modo que se gañou a fama de soplón e xeráronse desavinzas. A sentenza está recorrida no Tribunal Supremo.
José Enrique Abuín Gey está investigado polos delitos de detención ilegal, homicidio/asasinato e contra a liberdade sexual pola desaparición e morte de Diana Quer e polos presuntos delitos de detención ilegal, roubo con violencia e intimidación, lesións e contra a liberdade sexual polo intento de rapto dunha moza na localidade coruñesa de Boiro o día de Nadal pasado.
O traslado realízase ao penal da Lama e non a outro de fóra de Galicia por cuestións operativas, pois os xulgados de Ribeira nos que se instrúen as dúas causas que hai abertas contra el aínda teñen pendentes varias dilixencias nas que se require a súa presenza, entre elas, un rexistro previsto para esta mesma semana na nave da parroquia de Asados (Rianxo) na que apareceu o cadáver de Diana Quer no fondo dun depósito de auga de 10 metros de profundidade.
Relacionadas:
-
'El Chicle' deixa A Lama tras máis de oito meses e trasládano a León
Por Natalia Puga |
-
'El Chicle', sometido a unha avaliación pericial na Parda
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
'El Chicle', unha semana na Lama con insultos doutros internos e interese polos deportes
Por Natalia Puga |
-
'El Chicle', sen avogado, sen contacto coa súa familia e sen información do exterior na Lama
Por Natalia Puga |
-
A familia de Diana Quer dispara a petición de firmas promovida polo caso do parricida de Moraña
Por Natalia Puga |
-
'El Chicle', trasladado á prisión da Lama por motivos de seguridade
Por Natalia Puga |
-
Con Diana Quer na memoria
Por Redacción |