O consistorio de Carballedo acolle este venres unha homenaxe á Fundación Ventura Figueroa
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai celebrar este venres 12 de xaneiro un acto de homenaxe á Fundación Manuel Ventura Figueroa co obxectivo de recoñecer o seu gran traballo a prol da inclusión social, da educación, da ciencia e da cultura e de poñer en valor, aparte desta tarefa, as orixes no municipio do recoñecido eclesiástico e político galego do século XVIII.
Este evento terá lugar ás 20.00 horas no salón de actividades do consistorio de Carballedo.
Manuel Ventura Figueroa ten unha vinculación moi directa co Concello de Cerdedo-Cotobade, xa que, malia que naceu en Santiago de Compostela no ano 1708, o seu pai, Manuel Cabanelas, foi bautizado o 31 de decembro de 1674 na parroquia de San Pedro de Tenorio, e os seus avós, Pedro Cabanelas e María Cerviño, eran de Tenorio e Viascón, respectivamente.
Por este motivo, e por tratarse da fundación máis antiga de España, creada en 1784, así como pola súa gran labor no eido educativo e social, o alcalde, Jorge Cubela, e o Concello cren que debe acometerse este acto de recoñecemento.
O programa de actos arrancará coas intervencións institucionais dun representante da Fundación Figueroa, da Deputación de Pontevedra, da directora xeral de Relacións Institucionais, Blanca García-Señoráns, en representación da Xunta, e do alcalde Posteriormente, Cubela fará entrega dunha placa de lembranza e recoñecemento á fundación e o acto pecharase cun viño galego.
Jorge Cubela considera que este acto "é unha débeda con Ventura Figueroa e cos seus antergos cotobadeses polo importante traballo de máis de 230 anos realizado por esta fundación" e amosouse convencido de que "servirá para comezar a recoñecer e poñer en valor a súa inxente tarefa pola educación e a sociedade". Ao respecto, convidou a todos os veciños e a todos os figueroístas a asistir a este encontro "para darlle o maior respaldo posible a unha figura histórica de Galicia que merece a maior das nosas homenaxes".