Pontevedra estuda a oferta da Xunta para centralizar a contratación de policías locais
Por Alejandro Espiño
Favorecer a calidade dos procesos selectivos, asegurar a cobertura de prazas e acadar unha policía local cada vez máis especializada en Galicia. Son os obxectivos da proposta que vén de presentar a Xunta aos concellos galegos. Propoñen que, a partir de agora, se faga unha convocatoria centralizada para as contratacións de policías locais.
A intención da Xunta e da Fegamp é facer este mesmo ano a primeira convocatoria destas probas selectivas que, ademais, afectarían tamén aos auxiliares de policía e aos vixiantes municipais, centralizando a organización dos cursos selectivos de formación e capacitación na Academia Galega de Seguridade Pública.
Así, os concellos poderán asinar voluntariamente o convenio cun prazo de duración de catro anos para solicitar a cooperación da Xunta.
O goberno galego asumiría a convocatoria das prazas vacantes, a colaboración na realización das probas de selección para o ingreso, ascenso ou promoción aos corpos de Policía Local e a organización dos correspondentes cursos selectivos de formación ou de capacitación.
Para estes procesos, os concellos comunicarán o número, denominación e características das prazas que se terán que convocar para o seu corpo de Policía locaL, incluídas, as de auxiliares de policía local, ou dos postos de vixiantes municipais.
Ademais, deberán especificar a escala e categoría á que pertenzan, o grupo de titulación que corresponda, o nivel dos postos e as condicións ou requisitos necesarios para o desempeño de cada un deles, así como o sistema de acceso aplicable.
O Concello de Pontevedra, que estivo presente na presentación deste decreto, analizará nos próximos días o seu contido e a súa posible aplicación no municipio. O concelleiro de Persoal, Vicente Legísima, non descarta que se opte por esta vía para as novas contratacións.
Con todo, recorda que este convenio é voluntario e, en todo caso, estudarase a súa aplicación no seo do goberno municipal e cos delegados de persoal.