Un incendio nun ático obriga a pechar a rúa Oliva
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Dous camións do Parque de Bombeiros de Pontevedra desprazáronse pasadas as 20.00 horas deste martes 9 ata a rúa da Oliva para sufocar as lapas que se orixinaron no último piso do edificio número 24 desa rúa.
A Policía Local cortaba a rúa tanto ao tráfico rodado como ao paso peonil entre Riestra e o edificio de Correos para que calquera desprendemento que se puidera producir non danase os numerosos viandantes que se atopaban nesa contorna. Non se pode acceder en coche á Oliva por Andrés Muruais.
Segundo testemuñas presenciais, o lume orixinouse no cuarto andar do edificio no que se atopa a tenda de Sargadelos. Os bombeiros solicitaron á base material para poder extinguir as chamas que se orixinaron entre o piso e o falso teito. Nesa vivenda uns operarios estaban a realizar cambios nas instalacións da calefacción, segundo apuntaron veciños da zona.
Non se rexistraron danos persoais nin no resto de vivendas limítrofes. Segundo a Policía Local de Pontevedra, foi necesario desaloxar dúas persoas, unha era a residente, de 59 anos, que estaba acompañada por outro veciño. Unha veciña foi á que deu a alarma aos residentes ao ver que saía lume do domicilio. Os primeiros indicios apuntan a que o lume iniciouse como consecuencia dun cortocircuíto. Arredor das 20.55 horas, os bombeiros abandonaban a rúa, despois de ter sufocado o incendio, que só chegou afectar a unha habitación.