Ponte Caldelas completa a renovación tecnolóxica da súa rede de iluminación pública
Por Redacción
O centro urbano de Ponte Caldelas quedou xa case completamente dotado de iluminación con tecnoloxía led despois da obra que acaba de acometer o Concello dende a ponte sobre o río Verdugo ata a rotonda de Pazos, incluíndo tamén a rúa de Portugalete e a explanada de Chan da Barcia.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou a zona acompañado do encargado da empresa Técnicas Enerxéticas de Galicia, Faustino Pino, e comprobou a funcionalidade da nova instalación, que supón un aforro económico para o Concello en consumo eléctrico duns 3.400 euros ao ano.
Se sumamos esta obra ás realizadas durante os anos 2016 e 2017 o aforro enerxético en Ponte Caldelas, que está a piques de erradicar completamente as vellas lámpadas de vapor de sodio, alcanza xa os 25.000 euros anuais, o que supón unha redución aproximada dun 72% na factura por este capítulo.
Desta volta elimináronse un total de 40 lámpadas de vapor de sodio e dunha potencia individual de 150 watios. Os novos focos led consumen 64 watios e proporcionan unha iluminación semellante.
O aforro para o Concello de Ponte Caldelas non só ven da man do consumo, senón tamén do mantemento da rede, pois os drivers (transformadores) están garantidos para 10 anos e os focos led teñen unha vida útil duns 20 anos.
Dende 2016 ata hoxe Ponte Caldelas renovou toda a a rede, incluíndo tamén a iluminación suntuaria da ponte da vila. Neste proceso de eliminación substituíronse xa preto de 220 lámpadas do centro urbano, unha obra que foi exclusivamente de renovación tecnolóxica e optou por manter o deseño dos farois, especialmente, os “fernandinos” situados na Alameda e a súa contorna.
Unha vez completada esta terceira fase na renovación da rede de iluminación pública de Ponte Caldelas xa só queda para o ano próximo a renovación do primeiro tramo da estrada de Augasantas (PO-234) e da avenida do Balneario.
Relacionadas:
-
Día de estrea das xardineiras no casco urbano e os farois do Paseo da Calzada
Por Redacción |
-
O cambio a tecnoloxía led na iluminación das rúas aforrará aos caldeláns 30.000 euros
Por Redacción |
-
A contorna da Alameda de Ponte Caldelas prepárase para unha transformación
Por Redacción |
-
A iluminación led xa brilla en Ponte Caldelas
Por |
-
Ponte Caldelas recibe unha achega da Deputación para a reforma enerxética na zona da Calzada
Por Redacción |
-
Renovación da rede de alumeado en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A ponte da Calzada estrea iluminación
Por Redacción |