Reparan os sinais de balizamento marítimo avariados
Por Redacción
Portos de Galicia vén de revisar e reparar medio centenar de sinais de balizamento marítimo das case 400 instaladas en terra na contorna dos peiraos de titularidade autonómica.
Con esta actuación o ente público reforza as condicións de seguridade para a navegación das embarcacións que acceden aos portos galegos. Así o trasladou este martes o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha rolda de prensa celebrada na sede do organismo en Pontevedra, a provincia na que máis actuacións se desenvolveron.
En xeral, a maioría destas reparacións consistiron na instalación ou cambio de lanternas, avariadas. Así mesmo, cambiáronse os cargadores e baterías en varias balizas, instaláronse novos postes e substituíronse outro tipo de elementos de menor envergadura en casos puntuais. Tamén substituíuse o total da baliza nalgún caso debido aos desperfectos ocasionados sobre todo polos temporais.
Na provincia de Pontevedra, reparáronse sinais nos portos de Aldán (Cangas), Beluso (Bueu), Moaña, Tragove (Cambados), A Guarda, Panxón (Nigrán), Pedras Negras (O Grove) e Vilanova de Arousa.
Cómpre sinalar que a grande maioría destas boias reparadas son boias vermellas e verdes que se sitúan para delimitar as bocanas de acceso aos portos. Deste xeito, facilítase á navegación na entrada e saída dos peiraos e redúcense os riscos para tripulantes e embarcacións.