Os Reis Magos reparten ilusión en Mugartegui
Por Alejandro Espiño
Os Reis Magos xa están en Pontevedra e poucos nenos quixeron perdelo. O Pazo de Mugartegui foi o escenario dunha multitudinaria recepción oficial na que os máis pequenos da casa aproveitaron para realizar as súas últimas peticións antes dunha noite coa que levan soñando desde hai semanas.
As Súas Maxestades de Oriente chegaron á praza da Pedreira en coche, acompañados dos seus camelos e de todo o seu séquito real. Con só intuírse a súa chegada, desbordáronse as emocións dos nenos. Algúns deles levaban ata unha hora esperando a Melchor, Gaspar e Baltasar.
Tras dirixirse a todos eles desde o balcón do pazo, os tres Reis Magos ocuparon os seus respectivos tronos e foron recibindo un a un a todos os nenos e nenas de Pontevedra que facían cola para saudalos.
Bicos, abrazos... e ata algún choro, acompañados da correspondente foto familiar para inmortalizar o momento. Así foron pasando os nenos ata que, dúas horas despois, os Reis Magos puideron retirarse a descansar.
Non será a última vez que se deixen ver por Pontevedra. Melchor, Gaspar e Baltasar protagonizarán, a partir das seis da tarde, a tradicional cabalgata. Sairá da rúa José Malvar e concluirá na Alameda.