Ponte Caldelas, primeira parada dos Reis Magos na comarca
Por Redacción
Ponte Caldelas foi este xoves o primeiro punto da comarca de Pontevedra no que recalaron os Reis Magos. Un día antes da súa chegada ao resto dos municipios pontevedreses, as Súas Maxestades de Oriente participaron na gran festa que se celebrou no local da discoteca Reivi.
A festa, organizada pola asociación de comerciantes Coempo e patrocinada polo Concello, contou coa asistencia de centos de nenos de Ponte Caldelas e dos concellos veciños, que se animaron a achegarse a pesar do mal tempo porque a celebración estaba baixo teito.
As Súas Maxestades de Oriente chegaron puntuais, ás 18.30 horas, e recibiron as cartas de todos os pequenos que, en moitos casos, levaban hora e media agardando. A festa incluíu animación musical e a presenza de dous zancudos que se ocuparon de amenizar a espera.
Os Magos tardaron máis de hora e media en atender a todos os rapaces que fixeron cola para entregarlles as cartas e facer as súas peticións deste ano.
Para poñer un toque doce á festa, o festival incluíu unha degustación gratuíta de chocolate con rosca. A chocolatada foi elaborada e servida por voluntarias das Mulleres Rurais do Verdugo, de Xustáns e de Aires del Norte y Olé. Tamén colaborou, achegando os produtos, o Supermercado Froiz.