A Xunta lembra a convocatoria de axudas destinadas ás mulleres vítimas de violencia de xénero
Por Redacción
José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, visitaba este xoves o concello da Lama para, acompañado polo alcalde Jorge Canda, comprobar o estado das obras de mellora realizadas en diversas dependencias municipais como o Edificio Multiusos e o Centro de Información á Muller (CIM) comarcal, que é compartido pola Lama, Fornelos de Montes e Cerdedo-Cotobade.
Cores Tourís lembrou que o 2 de xaneiro, o Diario Oficial de Galicia publicaba tres convocatorias de axudas destinadas a aquelas mulleres vítimas de violencia de xénero. O orzamento supera os 4 millóns de euros e o obxectivo é proporcionar a estas mulleres apoio económico para garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica fronte ao agresor, que lles permita dar o primeiro paso para romper coa situación de violencia que sofren, segundo explicou o delegado da Xunta.
A primeira das axudas está destinada a mulleres que sofren violencia machista ou son vítimas de trata. Poden solicitalas ao longo de todo o ano e o orzamento ascende a 3,7 millóns de euros. A contía media sitúase nos 600 euros mensuais, variando entre 300 e 800 euros en función do número de menores ao seu cargo ou no caso de discapacidade.
A segunda resolución contempla dúas liñas máis de axuda, a de pago único, destinadas a mulleres con insuficiencia de recursos económicos, e as de indemnizacións, fixadas por sentenza xudicial, dotadas con 400.000 e 55.000 euros respectivamente. O prazo de solicitude comeza este venres 5 e finaliza o 30 de novembro.
A última liña de axudas está centrada para casos en que se incumpriu por insolvencia o pago da indemnización á vítima, sempre que estea fixada por sentenza xudicial.
Cores Tourís lembrou que o CIM da Lama recibiu máis de 323.000 euros nos últimos anos por parte da Xunta para realizar programas de axuda á muller e destacou a constitución da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero.
O delegado da Xunta indicou que son numerosas as veciñas de Ponte Caldelas que acoden a este centro e sinalou que o deste municipio permanece pechado a pesar da sentenza que obriga ao alcalde Andrés Díaz á súa reapertura.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas foi o único concello da provincia que non pediu subvención para o CIM
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- Contra os micromachismos, catro exemplos
Por Marisa Ciordia |
-
O PP organiza unha mesa redonda para dar voz ás vítimas da violencia machista
Por Redacción |
-
As dúas ex traballadoras do CIM de Ponte Caldelas integraranse nun novo servizo municipal
Por Redacción |