Un libro de Rosalía, agasallo de Reis para que Rajoy "entenda" por que "un golpista" quedou sen rúa
Por Redacción
O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, terá este ano un agasallo de Reis inesperado. O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará, remitiulle este xoves unha biografía de Rosalía de Castro e unha carta adxunta na que explica que lle fai chegar o libro para que lle axude a entender as razóns polas que o Concello de Pontevedra decidiu cambiar o nome da antiga rúa Salvador Moreno, militar golpista, pola desta escritora e poeta.
O cambio do nome da rúa remóntase a hai xa 15 anos, pero volveu estar de actualidade nas últimas semanas despois de que Rajoy sinalase, durante unha visita a Costa de Marfil: "No sé por qué le han quitado la calle a Salvador Moreno. Yo la sigo llamando así".
A carta que acompaña ao agasallo recolle que, aproveitando estas datas festivas, quere facerlle chegar un exemplar da biografía de Rosalía de Castro publicada recentemente pola editorial Galaxia, da autoría de María Xesús Lamas, porque "estou seguro lle axudará a entender a riqueza, a complexidade e a extraordinaria valía da obra rosaliana, e a compartir as razóns pola que a día de hoxe dá nome a unha das principais avenidas da cidade".
En relación coas polémicas declaracións do presidente do Goberno sobre o cambio de nome, amosa a súa sorpresa polas súas palabras e polo feito de que "mesmo chegou a dicir que segue utilizando a denominación que rende homenaxe a un militar golpista e ministro da Ditadura de Franco".
Na opinión do deputado nacionalista, xa tan sólo polo feito de quen é Salvador Moreno e o seu pasado "lonxe de merecer homenaxe debe ser obxecto de condena e repulsa de todas as persoas que defenden a verdade, a xustiza, os dereitos fundamentais e os principios democráticos".
A misiva enviada por Bará tamén aproveita para pedir a Rajoy que promova o cambio de denominación do colexio Salvador Moreno, tamén en Pontevedra, que depende do Ministerio de Defensa, ao entender que "é unha anomalía histórica e unha falta de respecto ás vítimas do franquismo que se homenaxee a un militar golpista e xenocida". Esta petición xa a anunciara o BNG semanas atrás, cando houbo aquela polémica.
POLÉMICA SOBRE "SANGENJO"
Bará aproveita que lle escribe a Rajoy para referirse a unha segunda polémica que orixinou esta mesma semana, ao publicar na rede social Twitter que estaba en "Sangenjo", en lugar do oficial "Sanxenxo". O deputado nacionalista lémbralle a Lei de Normalización Lingüística e solicítalle que respecte os topónimos de Galicia. O artigo 10 desta lei recolle que os topónimos terán como única forma oficial, a galega.
O deputado nacionalista reprocha a costume do presidente do Goberno de empregar "formas deturpadas e castelanizadas da nosa toponimia", como "Sangenjo" por "Sanxenxo" e lémbralle "o deber que nos obriga a todos a cumprir a lei e, ao mesmo tempo, a importancia de dar exemplo desde as institucións públicas".
Relacionadas:
-
Guerra entre academias: a RAE prefire Sangenjo e a RAG lembra que a única forma oficial é Sanxenxo
Por Natalia Puga |
-
O goberno de Rajoy manterá o nome do colexio Salvador Moreno a pesar das queixas de En Marea
Por Redacción |
-
Censuran a Rajoy por unha defensa de Salvador Moreno que o PP ve como "chascarrillo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Rajoy, fin de ano en Sanxenxo, con polémica en Twitter incorporada
Por Redacción |
-
Para o BNG é "moi grave" que Rajoy "exalte" a Salvador Moreno
Por Alejandro Espiño |
-
Rajoy: "No sé por qué le han quitado la calle a Salvador Moreno. Yo la sigo llamando así"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada