O PP denuncia que se están a vender alimentos sen autorización no interior do Pavillón Municipal
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Partido Popular, a través do seu concelleiro encargado da área deportiva Tomás Abeigón considera "moi grave" que se vendan alimentos no interior do Pavillón Municipal dos Deportes sen ningún tipo de control.
O concelleiro popular manifestou que nin o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nin a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, teñen coñecemento desta actividade comercial. Neste sentido, os populares critican a falta de diálogo por parte dos responsables municipais co xerente do servizo de deportes, que si recoñeceu a Abeigón esta venda de alimentos.
Desde o Partido Popular lamentan que desde o goberno local aínda non licitase o servizo de cafetería da instalación deportiva. Sinalan que o contrato deste servizo rematou en xuño de 2016 e estaba previsto a súa saída a concurso pero, con todo, mantense pechada mentres hai persoas que están a ofrecer diferentes produtos.
"Pode haber intoxicacións", alertaba Tomás Abeigón, que insiste en que eses produtos que se atopan á venda non ofrecen as garantías necesarias ao non estar sometidos a control por parte das autoridades sanitarias.
O grupo municipal do PP descoñece se se venden bocadillos neste postos pero si outros produtos como pipas ou ganchitos. Os populares reclamaron na comisión de Benestar ao Concello un control desta situación ante a disputa do Torneo internacional Domingo Bárcenas durante esta fin de semana.
VERSIÓN DO GOBERNO LOCAL
Pola súa parte, Carme da Silva, como responsable do goberno local manifestaba o seu malestar polas críticas dos populares e sinalaba que cada vez que hai un evento importante, o Partido Popular intenta "dañar" a imaxe da cidade "porque está en contra de Pontevedra".
Así referiuse ás citas balonmanísticas do Trofeo Domingo Bárcenas e ao campionato de España de seleccións territoriais, que suman a 2.200 escolares "enchendo", con seus respectivos acompañantes, durante estes días en Pontevedra.
A concelleira cualificou a actitude do grupo popular de "impresentable" e garantiu a seguridade para os asistentes as diferentes actividades deportivas. "Non hai ningún tipo de perigo nin problema, a xente pode estar absolutamente tranquila", sinalou.
Da Silva considera que o Partido Popular intenta "afear" o labor de Pontevedra intentando crear alarma social nas citas deportivas destes días e apuntou que estas críticas demostran que ao PP "non lle interesa a cidade nin os seus éxitos".
"Agardo que os Reis Magos se acorden da maldade do PP de Pontevedra", ironizou Da Silva.