O Orfeón de Ardán celebra o seu Festival de Reis
Por Redacción
Seguindo o costume iniciado na súa fundación no ano 2008 a Asociación Cultural Orfeón de Ardán, organiza, coa colaboración do Concello de Marín, o IX Festival de Reis na Casa da Cultura desta parroquia marinense, situada en Carballido. Dito festival empeza ás 4,30 da tarde.
Repartiranse agasallos aos nenos e os Reis tamén obsequiarán con caramelos a todos os que se atopen no recinto.
CALENDARIO
Outro bo agasallo de Nadal é o calendario do libro e da lectura 2018 que se pode recoller na Biblioteca de Marín.
No ano 2018 celébranse varias efemérides destacadas relacionadas co libro e coa lectura en Galicia e en galego, que se suman a unha serie de datas que xa están ben establecidas na axenda cultural. O calendario do libro e da lectura 2018, deseñado pola ilustradora Nuria Díaz, contempla as principais citas deste ano, para animar o conxunto da cidadanía a conmemoralas.
Os días do usuario das bibliotecas, da ilustración, da lingua materna, do libro infantil e xuvenil, das Letras Galegas, das librarías ou da edición comparten protagonismo en 2018 con aniversarios de obras e de autores senlleiros das nosas letras.
O medio século da publicación de "A galiña azul", de Carlos Casares, na véspera de Noiteboa; os 130 anos do nacemento de Otero Pedrayo, o día 5 de marzo; as sete décadas do célebre discurso "Alba de gloria", pronunciado por Castelao o 25 de xullo de 1948 en Buenos Aires; ou os 90 anos do poemario de Manuel Antonio "De catro a catro", que viu a luz o 27 de marzo de 1928, son algunhas das propostas.