A Policía Local detén un home de 36 anos por agredir a súa ex parella
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Pontevedra detivo un home de 36 anos por un presunto delito de violencia de xénero.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, sobre as 10:45 horas do pasado 1 de xaneiro, unha patrulla de axentes que estaba de servizo pola rúa Arcebispo Malvar observou dous homes, de 23 e 36 anos, discutindo de forma acalorada, á vez que se empuxaban mutuamente.
Cando os policías procederon a separalos achegouse unha muller moi nerviosa e empezou a increpar ao home de 36 anos.
O motivo da discusión foi que o mozo de 23 anos escoitou como o outro individuo insultaba e ameazaba a súa nai cando se atopaba no seu domicilio.
O home de 36 anos e a muller foran parella ata hai pouco tempo e, segundo relataron á Policía Local, ese día de madrugada atopáronse na rúa Echegaray. Tras unha discusión o home agrediuna na cara e no nariz, á vez que a insultaba. Posteriormente, volveron atoparse n rúa Arcebispo Malvar e de novo foi agredida. O fillo escoitou a discusión e acudiu ao auxilio da súa nai.
Ante os feitos os axentes da Policía Local de Pontevedra procederon a detención do home de 36 anos por un presunto delito de violencia de xénero, sendo trasladado a dependencias policiais para a súa comparecencia nos xulgados de Pontevedra.