Marín acorda coas comunidades de montes a protección dos espazos arqueolóxicos
Por Redacción
Este martes, no Concello de Marín, reuniuse a concelleira Beatriz Rodríguez con representantes das comunidades de montes do municipio para explicar o Plan de Protección de Espazos Arqueolóxicos.
Esta iniciativa municipal pretende a coordinación de traballos de conservación e posta en valor dos xacementos arqueolóxicos que se atopan na contorna e que na súa maior parte están situados en terreos comunais, para o que se pretende establecer unha serie de prioridades para poder ir avanzando e marcando obxectivos.
A primeira toma de contacto deu lugar a posteriores reunións con cada unha das comunidades de montes en aras da organización de traballos a executar sobre o terreo.
Valoráronse actuacións como a revisión dos vestixios, limpeza, sinalización, balizado das zonas protexidas e a divulgación do patrimonio dentro do concello.