O BNG alerta da modificación da concesión solicitada polo Real Club Náutico de Sanxenxo
Por Redacción
O BNG vén de solicitar a convocatoria urxente do consello de administración de Nauta para abordar en profundidade a solicitude cursada polo Real Club Náutico de Sanxenxo (RCNS) a Portos de Galicia de modificación na concesión administrativa para a construción e explotación dun inmoble destinado a CEAR, escola integral de vela e sede do RCNS, segundo sae publicado no DOG do pasado 28 de decembro.
O portavoz nacionalista, David Otero, solicita ao alcalde de Sanxenxo e presidente da Nauta, Telmo Martín, esta convocatoria urxente, na que ademais lle esixe ao goberno local bipartito que dea conta ao consello de administración de Nauta de toda a información da que dispón con respecto a este asunto.
O BNG esixirá tamén que se solicite a Portos de Galicia o expediente completo para o seu estudo detallado polos técnicos de Sanxenxo co fin de presentar as alegacións oportunas, en tempo e prazo, para evitar que no porto de Sanxenxo se permita calquera nova construción a unha entidade diferente á empresa pública Nauta SL.
"Non imos tolerar nin actuacións encubertas nin a pasividade do Partido Popular e de Sanxenxo Agrupación Liberal, agrupación que durante os dous últimos anos presidiu Nauta e deixou sobre a mesa un feixe de acordos incumpridos", di o portavoz do BNG.
Para David Otero a "complicidade" entre Portos e o Náutico de Sanxenxo quedou demostrada hai xa tempo na concesión do pantalán, "un acordo tomado as costas dos veciños de Sanxenxo e en contra dos intereses públicos locais. Imos estar moi atentos para que non se repita outra atrocidade semellante".
Dende a formación nacionalista teñen moi claro que o Real Club Náutico ten que limitarse á concesión lograda no seu día, non existindo posibilidade algunha de implementar novas construcións, cuestión que segundo David Otero o Plan Especial do Porto de Sanxenxo reserva en exclusividade a Nauta.
"Os compadreos do presidente de Portos de Galicia e máis do presidente do Club Náutico tiveron como resultado un procedemento xudicializado e unha forte resposta social, co coste incluso persoal que iso tivo para moitos veciños de Sanxenxo. Que non pense o PP nin os seus socios de goberno que lle imos permitir que favorezan os intereses privados". David Otero recorda que o actual pantalán do Náutico foi feito "con nocturnidade e alevosía, e coa complicidade absoluta de Portos, e sen que o PP fixera o que tiña que facer para impedilo. Non imos consentir outro capítulo da mesma película".
En canto á localización da escola de vela e o centro de alto rendemento, David Otero considera que o Real Club Náutico xa tivo a súa oportunidade de pór en marcha estas instalacións e "deixou pasar esa ocasión, destinando todos os locais que ten a fins lucrativos. No porto de Sanxenxo non poden construír absolutamente nada máis".
Relacionadas:
-
En Marea esixe un estudo sobre o impacto das obras do porto deportivo de Sanxenxo sobre as praias
Por Redacción |
-
Nauta tamén presentará alegacións á prórroga da concesión do Real Club Náutico
Por Oskar Viéitez |
-
O Náutico de Sanxenxo aclara ao BNG que o que tramita é a ampliación do prazo da concesión
Por Oskar Viéitez |