Remata a primeira fase de mellora do pavillón municipal de deportes de Cuntis
Por Redacción
O goberno local do concello de Cuntis vén de rematar a primeira fase de mellora do pavillón municipal de deportes.
As instalacións están a ser obxecto de obras, debido ás humidades provocadas pola infiltración de auga a través da fachada. Precisaban da instalación dunha fachada ventilada como solución máis axeitada e económica, así como o cambio de ventás en mal estado que tamén filtran auga ao interior e a reposición da tarima de madeira moi deteriorada debido ás infiltracións de auga mencionadas.
Con estas actuacións preténdese deixar as instalacións óptimas para o seu uso por parte dos veciños.
Así, en obras exteriores acometeuse a iInstalación de fachada ventilada con panel composite Stacbond, o illamento termoacústico pegado á fachada existente e a colocación de ventás de aluminio de unha folla batente con rotura de ponte térmica. No interior, acondicionouse a tarima existente mediante a reposición de pezas deterioradas con posterior pulido e vernizado completo.
O orzamento das obras da fachada é de 27.860 euros.
CALDEIRA DE BIOMASA PELLETS
Ademais, preténdese a instalación de sistemas automatizados para combustión de pellets de madeira, polo que os elementos necesarios serán: subministración automática de combustible á caldeira, retirada automática de cinza ao depósito de cinza, limpeza automática e suministación de pellets. Con ditas instalacions preténdese un cambio de enerxía nas instalacions pasando de usar enerxía eléctrica a unha caldeira de pellets.
O custo é de 27.091,90 euros.
O orzamento total chega así ata os 54.951 euros, que serán financiados polo Concello de Cuntis, a Deputación de Pontevedra e o Inega.
O Concello de Cuntis pretende así mellorar un equipamento deportivo moi utilizado polos veciños. Estase a redactar neste momento a memoria para rematar coa mellora do tellado de dita instalación e adecuación interior da mesma e a climatización das instalacións.
O Goberno local planificou dende o primeiro momento as melloras a efectuar nesta instalación de mais de 25 anos para ir pouco a pouco facendo os traballos necesarios para a súa mellora, que se completarán no 2018.