Concentración en repulsa polo crime de Diana Quer
Por Oskar Viéitez
O Pazo Provincial acolleu este martes unha concentración e minuto de silencio en repulsa polo asasinato de Diana Quer, a moza madrileña desaparecida nas festas patronais da Pobra en agosto de 2016 e cuxos restos foron achados nun pozo situado no interior dun vello almacén.
Membros das corporacións provincial e local asistiron a este emotivo acto co que se quixo trasladar un xesto de "agarimo e solidariedade" á familia e amigos da vítima á vez que se rexeitaba con rotundidade a violencia exercida contra as mulleres.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reclamou neste "día dramático" un cambio na sociedade "onde o machismo consegue que ocorran estas terribles situacións".
Carmela Silva quixo expresar "alto e claro" que "estas situacións derivan dunha sociedade onde o machismo impera". A presidenta da Deputación quixo compartir "unha reflexión" cos medios de comuniciación presentes neste acto, xa que "cada vez que hai unha vítima toda a súa vida se convirte en algo público" co que "a convertemos nunha dobre vítima". "Iso non pode voltar a acontecer", afirmou.
Unha vez máis a mandataria provincial reclamou o fin do "sistema patriarcal" e para iso sinalou á educación como "fundamental" neste cambio.
Ao seu lado o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, manifestou "que non imos a parar de denunciar, de visibilizar o resultado de moitos séculos de sociedade patriarcal" e advertiu que esta "non vai ser unha loita que remate dá noite para a mañán, desafortunadamente".
Lores coincidiu con Carmela Silva en que "hai que adicar recursos económicos e educativos" nesta tarefa.
Na concentración tamén participou o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, reiterou un "chamamento á denuncia, á condena de calquer tipo de actividade que implique, machismo e violencia contra as mulleres".