As motos regresarán a Ponte Caldelas en abril
Por Redacción
Por cuarto ano consecutivo, Ponte Caldelas acollerá unha concentración moteira. Será en abril, segundo acordou o goberno municipal e o club organizador, o Custom Motoclub Redondela.
A data será concretada uns días antes para garantir as boas condicións meteorolóxicas e repetir así o éxito do ano pasado, cando unhas 3.000 motos participaron na cita.
O alcalde, Andrés Díaz, asinou o convenio con Carlos Figueroa, presidente do club redondelán que se ocupa de organizar todos os detalles desta concentración dende o seu nacemento. As dúas primeiras edicións estiveron marcadas pola choiva, pero á terceira, xa con data flexible, acadouse unha cifra histórica.
Carlos Figueroa subliñou que a de Ponte Caldelas foi, o ano pasado, a concentración moteira con maior afluencia de toda Galicia e iso obriga a afinar en todos os detalles para manter as expectativas.
"A xente marchou moi contenta o ano pasado e este queremos que volva suceder o mesmo, porque unha vez que alcanzamos este nivel xa non podemos baixar", explicou.
A xornada incluirá a habitual saída organizada a un punto do municipio e tamén menús especiais nos establecementos hostaleiros da vila para atender aos moitos visitantes que se agardan para esa xornada.
O club redondelán organiza tres concentracións moteiras ao ano, dúas en Redondela e a de Ponte Caldelas, e asegura que é imposible asumir máis traballo "porque cada concentración supón varias semanas de traballo".