A Plataforma de San Salvador solicita a Poio a instalación de medidores de tráfico
Por Oskar Viéitez
Desde a plataforma de afectados de San Salvador insisten en que a supresión dun carril de circulación de baixada na Caeira que propón o Concello de Poio "sería un grave erro xa que os atascos trasladaríanse da rotonda da Barca á rotonda da Avenida Andurique, empeorando algo que, a día de hoxe, xa é insoportable".
Por isto e con vistas a futuras reunións co goberno local, solicitou ao Concello que instale medidores de tráfico, "como mínimo", na Avenida Antelo Mariño (a baixada á rotonda de Andurique) e nas rúas Pernas Peña e Mato Calderón. O obxectivo é coñecer o número de vehículos que transitan a diario esa zona.
O portavoz da plataforma, Sergio Pereira, insiste en defender a humanización das rúas deste proxecto municipal (Pernas Peña, Mato Calderón e Praza Riestra) pero aproveita para lembrar que "non son as únicas".
"Desde esta plataforma temos dous obxectivos claros que son, por unha banda, a humanización da parroquia e, por outro, o alivio dos atascos que sufrimos diariamente nas inmediacións da Barca", afirma o portavoz.
A través desta plataforma presentáronse máis de 1.000 sinaturas e máis de 600 apoios en change.org rexeitando a supresión do carril exposta polo equipo de goberno. Tamén acudiron ás dúas reunións que convocou o Concello de Poio onde expuxeron diversas alternativas, a última delas, a construción dunha beirarrúa única cun ancho de entre 1,50 e 1,80 metros, mantendo os dous carrís de circulación e no outro lado da calzada construír bordo con iluminación no chan.
"É hora de que desde o Concello respecten nosa vontade e nos escoiten de verdade", explica o portavoz Pereira.
Relacionadas:
-
O goberno local de Poio renuncia ao carril único na Caeira
Por Oskar Viéitez |
-
A Plataforma de Veciños de San Salvador de Poio suma 1.600 apoios contra o carril único da Caeira
Por Redacción |
-
Sobral espera licitar o proxecto de humanización da Caeira no primero trimestre do 2018
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños entregan 1.034 firmas contra o cambio de tráfico proxectado na Caeira
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de San Salvador ameazan con manifestarse se o Concello decide pechar un carril na Caeira
Por Redacción |