KPMG xestionará o programa SmartPeme 2018
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a adxudicación, por procedemento aberto, do contrato de servizo de evolución e xestión da rede SmartPeme de Pontevedra á empresa KPMG Asesores S.L.
A firma presentou unha oferta de 986.271 euros, cun lixeiro aforro respecto ao licitado e cunhas melloras no número de actividades complementarias ao mes a realizar en cada un dos puntos da rede SmartPeme Pontevedra, no equipo de traballo e no número de empresas asesoradas.
O proxecto SmartPeme naceu no 2016 para substituír, con éxito, ao CPAE 2.0 ofertando aos emprendedores, autónomos e as pemes da provincia de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC.
Este programa da Deputación de Pontevedra conta desde a súa creación con seis centros de asesoramento e formación situados en Ponteareas, O Porriño, Cambados, Lalín, Pontevedra e Vigo.
A través destas oficinas, póñense en marcha itinerarios de obradoiros temáticos adaptados ás empresas, eventos de networking trimestrais con profesionais de prestixio, colabóranse con asociacións e promóvense alianzas institucionais, achéganse kits de asesoramento en novas tecnoloxías, identifícanse e difúndense as necesidades nesta materia aos provedores de solucións para pemes e, tamén, impúlsanse novas carteiras de servizos de asesoramento.
No último ano aumentouse en preto dun 50% tanto as persoas que se formaron a través dos obradoiros e accións formativas, por unha banda, como o número de empresas e persoas ás que se lles realizaron asesoramentos.
Relacionadas:
-
Pontevedra acolle este mes de marzo oito novos obradoiros do programa "Smartpeme"
Por Redacción |
-
A oficina de Smartpeme en Pontevedra leva atendidas 150 empresas da cidade no que vai de ano
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
SmartPeme incorporará unha carteira de servizos para o sector turístico
Por Oskar Viéitez |