Sanxenxo externaliza o servizo de recadación de multas
Por Redacción
Coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia e o Boletín Oficial do Estado, arranca o proceso iniciado polo Concello de Sanxenxo para externalizar o servizo de recadación de multas.
O período do contrato será por un ano, con posibilidade de prórroga por un ano máis, cun prezo de licitación anual de 84.700 euros.
En concreto, a empresa adxudicataria asistirá ao goberno municipal na recadación na xestión administrativa e recadadora de todo tipo de sancións administrativas, excepto as de natureza urbanística, así como tamén a recadación das multas de tráfico.
O prego do contrato tamén será publicado no Perfil do Contratante e os interesados en concorrer a este procedemento terán quince días, desde a publicación, para presentar as súas ofertas no rexistro xeral do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres.
Desde o 1 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2017, Sanxenxo tramitou un total de 2.547 denuncias de tráfico.
A estas sancións hai que sumar 388 denuncias por botellón, as 58 por incumprimentos nos horarios de peche e as 399 por infraccións a outras ordenanzas municipais, como a venda de alcol a menores ou desfeitas da vía pública.