O PP carga contra o goberno local pola renuncia da ONCE a construír o novo Centro de Recursos Educativos
Por Redacción
O anuncio de que a Organización Nacional de Cegos (ONCE) renuncia a construír un novo Centro de Recursos Educativos entre as rúas Eduardo Pondal e 12 de Novembro non puido sentar peor entre as filas do Partido Popular. O grupo municpal reacciona con duras críticas á xestión do goberno local e anuncia que vai estar vixiante sobre este tema.
O voceiro do PP, Jacobo Moreira, lamenta o anuncio, que se realizou este xoves 28 de decembro, Día dos Inocentes. "Escolleron o día perfecto", ironizou e engadiu que "se non hai novo CRE o normal é que se volva situación inicial", en alusión a que o Concello lle cedeu a parcela en 12 de Novembro para a creación dun novo Centro de Recursos Educativos a cambio do edificio da residencia do complexo educativo, que agora é ocupada polo Centro Social Sur.
Ao respecto, Moreira lembra ao goberno local que o seu partido votou a favor da modificación puntual do PXOM sobre uns 35.000 metros cadrados en terreos propiedade da ONCE porque tiñan a finalidade de financiar o novo Centro de Recursos Educativos no solar municipal na rúa 12 de Novembro, ademais da cesión da residencia. Votaron a favor "debido ao interese público da operación", pero ese interese que "agora desaparece".
"A cidade de Pontevedra non gaña absolutamente nada co anuncio feito onte", sinalou, pois asegura que o único beneficio municipal foi unha residencia deixada en estado ruinoso na que "houbo que investir moitos cartos de todos os pontevedreses para arrombala para os veciños". "Nin tan sequera nos a deixaron nunha condicións mínimas de acceso", critica.
Ante tal situación, Jacobo Moreira anuncia que vai estar vixiante en cada paso que de o BNG sobre a modificación do convenio para velar por os intereses de todos os pontevedreses. "Necesítanse moitos informes técnicos para xustificar esta modificación. Co anuncio feito onte convértese a operación nun urbanismo á carta, que non reporta beneficios para os pontevedreses", critican.
Os populares sinalan que este novo fracaso únese as recentes anulacións da regulación municipal dos crematorios e a declaración de deserto no concurso sobre a concesión do parking Veteris.
Relacionadas:
-
Barallan varias propostas para o solar ao que renunciou a ONCE
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas demandan o arranxo da antiga residencia da ONCE para o seu uso por asociacións de iniciativa social
Por Oskar Viéitez |
-
O centro da ONCE en Pontevedra celebra 75 anos sendo referente de formación de estudantes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A ONCE renuncia a construír o novo Centro de Recursos educativos nos terreos de 12 de novembro
Por Redacción |