Tomeza, Marcón, Santo André, Santa María, Verducido e Salcedo teñen máis de 5.300 topónimos
Por Natalia Puga
Galicia diferénciase do resto do mundo pola cantidade de topónimos distintos que ten o seu territorio. A súa densidade é tal que "os mapas oficiais do Estado español non serven aqui porque non caben todos os topónimos". Dentro desta riqueza, Pontevedra non é unha excepción e tan só en catro parroquias e media do municipio xa foron rexistrados 5.292 nomes diferentes.
Os datos achegounos este martes o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, durante a presentación da nova base de datos creada no marco do proxecto 'Chamámonos así', co que o Concello de Pontevedra recolle dende hai un ano toda a toponimia das parroquias do rural.
A nova ferramenta pódese consultar na páxina web provisional pontevedra.eu/snl/datostoponimia e inclúe xa datos de Tomeza, Marcón, Santo André de Xeve, Santa María de Xeve, Verducido e parte de Salcedo, onde aínda se están a realizar traballos de campo para completar o mapa de topónimos.
Ata agora, nesta catro parroquias e media xa se rexistraron 5.292 topónimos, 1.311 núcleos de poboación, 386 fontes e, mesmo, catro nomes de fíncas que están baixo a lámina de auga do encoro do Pontillón do Castro.
Os técnicos que están a realizar o traballo para recuperar os topónimos do rural de Pontevedra contaron ata o momento coa colaboración de 275 veciños das cinco parroquias en cuestión, que responderon a un total de 6.176 enquisas. Ademais, segundo revelou Demetrio Gómez, encontráronse con problemas de carácter tecnolóxico que os levaron a "inventar expresamente" un programa propio para a recompilación de todos os nomes localizados.
A nova base de datos ofrece información lingüística dos topónimos, localización (están xeoreferenciados nun plano) e datos históricos e doutra natureza relativos a cada nome.
Unha vez rematada con todas a parroquias do municipio, Normalización Lingüística ten intención de emitir os informes pertinentes para trasladalos á Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e que pase a incluír os novos datos recompilados, pois moitos deles non coinciden cos oficiais e outros non foran referenciados ata agora. Ademais, poñerá a base de datos a disposición dos que a soliciten e facilitarase o seu uso a todos os departamentos municipais.
Para dar a coñecer esta base de datos, o Concello de Pontevedra organizou para o próximo 27 de abril unha Xornada de Toponimia na casa de cultura de Lusquiños, na parroquia de Tomeza, de 10.00 a 19.00 horas.
A actividade está dirixida a asociacións de veciños e culturais, profesorado e persoas interesadas na toponimia en xeral. Ademais de información teórica sobre a metodoloxía e as ferramentas básicas para a recollida de información sobre toponimia, compartiranse experiencias prácticas cunha saída de campo por Tomeza.