Amplían o acceso ao núcleo do Piñeiro, en Forzáns
Por Redacción
As obras que o Concello de Ponte Caldelas está a acometer no lugar do Piñeiro, na parroquia de Forzáns, acabarán coa imposibilidade de acceder cun vehículo a este núcleo habitado.
Ata agora a única maneira de acceder ao lugar era mediante un carreiro de preto de 300 metros e con apenas un metro de anchura.
Coa ampliación prevista este camiño pasará a ter 3 metros de ancho poñendo fin a unha reivindicación dos veciños que se remonta a unha década atrás.
Unha vez as máquinas abran o ancho necesario deberanse reconstruír os muros de contención. Ademais instalaranse drenaxes para evitar que as choivas danen o terreo e pavimentarase, posiblemente en formigón para garantir o agarre dos coches, segundo explicou o goberno local.
De media ducia de vivendas que se verán directamente beneficiadas por esta actuación unha atópase actualmente en fase de restauración.