Os vándalos arrincan o valado do parque do paseo Antonio Blanco
Por Redacción
O parque infantil do paseo Antonio Blanco, en Marín, foi vítima dun acto vandálico a pasada madrugada. Case todos os traveseiros do valo que protexe o recinto foron arrincados de raíz.
Os autores destas desfeitas deixaron todas as táboas de madeira tiradas no chan.
Operarios municipais recolleron todo este material para un posterior arranxo.
Desde o goberno municipal de Marín condenan estas actuacións ao entender que o único que provocan é inconvenientes para os propios veciños, ao ter que estar a renovar continuamente o mobiliario urbano, co custo que representa para as arcas municipais.
O Concello anuncia que se intensificará a vixilancia na zona, pero tamén solicita a colaboración cidadá para denunciar este tipo de accións violentas.